Pecha a campaña da centola con máis de seis millóns de euros de facturación
Esa facturación en primeira venda é a maior da historia
Segundo as cifras de Pesca de Galicia, teranse poxados nas lonxas galegas máis de 484.000 quilos
A vindeira campaña que comezará no outono
Desde a desembocadura do Miño a Estaca de Bares a campaña da centola pechaba hai uns días, desde Bares ata a ría de Ribadeo pecha este luns.
Foi unha campaña exitosa, con máis capturas e ingresos que a anterior e que vai superar a media das dez últimas campañas.
"Esta campaña foi extraordinaria, é un dos poucos recursos do mar que aguanta o tirón, a centola é unha das poucas especies que nos segue dando alegrías á xente do mar en quilos, en facturación", di Antonio Manuel Otero Aguín, vicepatrón primeiro da confraría de pescadores San Martiño do Grove.
Segundo as cifras de Pesca de Galicia, teranse poxados nas lonxas galegas máis de 484.000 quilos, cunha facturación en primeira venda que é a maior da historia, con máis de seis millóns de euros.
"Este é o cuarto ano na historia que pasamos dun millón de euros de facturación. Son boas cifras, si", engade.
Na confraría do Grove a calidade das centolas fai que teñan os prezos medios máis altos en lonxa. Aquí pecharon a campaña con máis de 68.000 quilos, preto de 1,3 millóns de euros en facturación e cunha media por quilo de arredor dos 20 euros.
"É a femia a que vale máis, a de quilo e dous quilos é a que máis vale. A media do ano é de 20 euros, desde que abre a veda ata que pecha, pero aquí alcanzáronse prezos de 40 euros o quilo", destaca.
Agora haberá que esperar ata a vindeira campaña que comezará no outono.
