As reservas para viaxar fóra no verán, entre a cautela e a incerteza
Os viaxeiros consultan coas axencias as garantías en canto á seguridade dos destinos e á suba de prezos
Algúns operadores están sacando ofertas para dinamizar as vendas que caeron nas primeiras semanas do conflito
A pouco máis de dous meses do inicio do verán, as persoas que xa teñen planficadas as súas vacacións lonxe da casa confían en poder viaxar sen incrementos de prezos de última hora.
Desde as axencias de viaxes aseguran que se manteñen as reservas, agás aos destinos afectados polos conflitos, e que se están ofertando outras rutas de voo alternativas e destinos diferentes.
Despois da Semana Santa a vista de moitos viaxeiros está posta xa no verán. Este ano, con maior incerteza sobre a situación en Oriente Medio, pero sen querer renunciar a viaxes que, en moitos casos, levan meses planificadas.
" Adoito planficar con tempo, dous ou tres meses vistas, e incluso ás veces con máis tempo. Teño contratada unha viaxe para Marrocos xa desde o ano pasado", di unha clienta
Hai tamén clientes precavidos que queren valorar a evolución do conflito ata pouco antes de saír, e aproveitar ofertas que se poidan abrir a última hora.
"Algunha das grandes operadoras de viaxes están facendo descontos para poder dinamizar as vendas e hai xente que ten pensado un destino que non ten nada que ver con conflitos actuais que agardan máis e reservan sen problema. En Galicia aínda existe moita reserva de última hora, con pouca planificación", asegura Mar Rodríguez, presidenta da Asociación Galega de Axencias de Viaxes.
Os clientes buscan asesoramento de destinos e garantías para poder anular ou reorganizar a viaxe.
"Contando con que se contratas un bo seguro, nunha axencia de viaxes que se vai ocupar diso nestes momentos, incluso podes cambiar de destinos se é necesario. O que importa é ter a mente aberta e seguir viaxando.
Galicia como destino tamén se está vendo afectada polo conflito. Por un lado, hai reservas novas daqueles que valoran a seguridade e a tranquilidade nesta terra, pero tamén houbo cancelacións de turistas de Asia ou Oceanía por mor das escalas que tiñan en zonas de risco.