Irán volve impoñer un "control estrito" en Ormuz polo bloqueo dos EUA
Ocorre só un día despois do seu anuncio da reapertura do paso para os buques comerciais
Trump ameaza con non prorrogar o alto o fogo se non hai un acordo antes do mércores
Teherán non acepta polo momento a celebración dunha nova quenda de negociacións cos EUA
Irán volveu impoñer un "control estrito" sobre o estreito de Ormuz en resposta ao bloqueo dos Estados Unidos contra os portos iranianos. Ocorre só un día despois do seu anuncio da reapertura do paso.
"O control do estreito de Ormuz volveu ao seu estado anterior e esta vía estratéxica atópase baixo unha estrita xestión e control por parte das Forzas Armadas", anunciou o portavoz do Cuartel Xeral Central Jatam al Anbiya, o tenente coronel Ebrahim Zolfagari, nun comunicado recollido pola axencia Tasnim.
De feito, a Mariña británica informou de disparos da Garda Revolucionaria contra un petroleiro preto do paso de Ormuz, por onde pasa o 20 % do cru mundial.
Porén, o presidente dos Estados Unidos asegurou que Teherán non ten o necesario para premer o seu Goberno coa ameaza dun novo peche do paso.
"Querían volver pechar o estreito, xa saben, tal como o viñeron facendo durante anos, pero non poden chantaxearnos", afirmou o mandatario durante un evento no Despacho Oval onde non respondeu a preguntas da prensa sobre o conflito coa República Islámica.
Donald Trump de regreso á Casa Branca. REUTERS/Nathan Howard
Ademais, Teherán non acepta polo momento a celebración dunha nova serie de negociacións cos EUA.
"Irán subliñou que a ausencia de demandas excesivas por parte dos Estados Unidos é unha condición principal para continuar as negociacións. Pola contra, non está disposto a perder tempo en conversas prolongadas e infrutuosas", asegura unha fonte anónima iraniana a Tasnim, vinculada á Garda Revolucionaria.
A quenda anterior, que se celebrou en Islamabad a pasada fin de semana, concluíu sen acordo. Segundo Irán, por diferenzas sobre o programa nuclear e o estreito de Ormuz, entre outros puntos.
O xefe do Exército de Paquistán, país que actúa de intermediario entre ambas as dúas potencias, visitou esta semana a República Islámica e fixo un chamamento ao diálogo e á "desescalada".
Barcos en Ormuz. REUTERS/ARQUIVO.
Bloqueo dos portos
Esta decisión chega horas despois de que o magnate estadounidense afirmara que o bloqueo contra os portos iranianos ía continuar malia o anuncio da reapertura do estreito de Ormuz.
O mandatario tamén falou da posibilidade de entrar en Irán para extraer o uranio enriquecido con escavadoras xunto coa República Islámica, cuestión que o portavoz do Ministerio de Exteriores, Ismail Bagaei, rexeitou nunha entrevista coa televisión estatal.
Nun evento electoral en Arizona, o republicano minimizou as diferenzas actuais con Teherán para dar a entender que se podería concretar un acordo.
O presidente iraní co xefe do Exército paquistaní. ISPR vía REUTERS.
Cesamento do fogo
Do mesmo xeito, Trump advertiu que podería non prorrogar o cesamento do fogo con Irán se antes do mércores non se alcanza un acordo de paz para poñer fin ao conflito, que entra na súa oitava semana.
"Quizais non o prorrogue. Así que temos o bloqueo e, por desgraza, teremos que volver lanzar bombas", declarou ante a prensa no seu regreso á Casa Branca a pasada noite.
Por outra banda, aclarou que o alto o fogo entre O Líbano e Israel non está condicionado co progreso das conversas con Irán.
Resposta de Irán
O presidente do Parlamento iraniano, Mohamad Baqer Qalibaf, xa advertira que o estreito de Ormuz non ía permanecer aberto se continuaba o bloqueo estadounidense contra os portos iranianos nunha das principais rutas enerxéticos do mundo.
"Coa continuación do bloqueo, o estreito de Ormuz non permanecerá aberto", afirmou na rede social X.
Sinalou que o tránsito marítimo polo estreito realizarase conforme a "rutas designadas" e con "autorización de Irán" e acusou a Trump de formular "sete afirmacións falsas nunha hora" sobre o estreito e as negociacións, sen precisar a que declaracións se refire.
"Con estas mentiras non gañaron a guerra e, sen dúbida, tampouco lograrán nada nas negociacións", aseverou o mandatario que encabezou a delegación do seu país nas negociacións do pasado sábado cos EUA en Islamabad.
Qalibaf subliñou que as condicións de paso polo estratéxico estreito de Ormuz, por onde transita o 20 % do petróleo mundial, estarán determinadas pola "realidade sobre o terreo, non polas redes sociais".
Un buque no estreito de Ormuz o pasado 12 de abril. REUTERS.
Apertura do estreito
O ministro iraniano de Exteriores, Abás Araqchí, anunciara este venres en X a reapertura do paso a todos os buques comerciais. Máis tarde, o portavoz do Ministerio, Ismail Bagaei, matizaba que poderían pasar "pola ruta que determine Irán e en coordinación coas autoridades competentes".
O voceiro denunciou que o bloqueo naval estadounidense contra a República Islámica viola o cesamento do fogo, polo que Teherán adoptaría "as medidas necesarias en resposta".