OPINIÓN
O BCE busca unha posición axeitada no tempo, por Venancio Salcines
Os prezos están a ter un excelente comportamento na Unión Europea. A inflación xeral baixa do dous por cento, a subxacente está controlada e dúas sectoriais, que estaban a preocupar, a de servizos e a salarial, parecen situarse en termos axeitados. A maiores, a contorna de incerteza está a moderar os prezos enerxéticos, e se non chega, a fortaleza do euro abarata as compras en dólares. É dicir, non temos ameazas relevantes, e o que si que temos é unha Europa central con serios problemas para poder medrar.
Polo tanto, a baixada de xuros, como xa comentei no pasado nesta columna, era previsible. Xa está o xuro do BCE no 2 % e o Euribor nunha posición similar, e non terminará aquí. As previsións son que seguiremos a ver baixadas da inflación ata niveis próximos a 1,6 %, o que non é tan previsible é que vexamos novas baixadas de xuros. Todo parece indicar que o BCE encontrou unha posición cómoda que intentará manter no tempo.