Publicador de contidos

Publicador de contidos

Von der Leyen propón a suspensión do acordo comercial UE-Israel

Von der Leyen propón a suspensión do acordo comercial UE-Israel

"Son consciente de que será difícil obter maiorías e sei que calquera medida será excesiva para algúns", admitiu na súa comparecencia ante o pleno do Parlamento Europeo en Estrasburgo

Israel di que Von der Leyen "equivócase ao ceder a presión"

O Goberno español aplaude a suspensión do acordo, pero gustaríalle que fose total
 

Antti Aimo-Koivisto / Lehtikuva / dp / DPA / Europapress Antti Aimo-Koivisto / Lehtikuva / dp / DPA / Europapress
G24.gal 10/09/2025 10:06 Última actualización 10/09/2025 10:51

A presidenta da Comisión Europea Ursula von der Leyen propuxo este mércores sancionar os ministros israelís extremistas e os colonos violentos e unha suspensión parcial do acordo de asociación en materia comercial con Israel.

No seu discurso sobre o estado da Unión, a máxima responsable do Executivo comunitario referiuse á catastrófica situación en Gaza e dixo que ante o bloqueo que existe na UE para reaccionar, Bruxelas propoñerá un paquete de medidas para trazar un camiño.

Entre elas, incluíu tamén a futura suspensión do apoio bilateral a Israel, sen afectar á colaboración da UE coa sociedade civil israelí nin con Yad Vashem, e a creación dun grupo de doantes por Palestina, que incluirá un instrumento específico para a reconstrución de Gaza.

Von der Leyen empezou dicindo que o que está a suceder en Gaza conmocionou a conciencia mundial.

Engadiu que a fame negra provocada polo home nunca pode ser unha arma de guerra e que debe parar.

Opinou que o que está a ocorrer en Oriente Medio forma parte dun cambio máis sistemático nos últimos meses que é inaceptable, coa asfixia financeira da Autoridade Palestina, os plans para un proxecto de asentamento na chamada zona E1, que esencialmente illaría a Cisxordania ocupada de Xerusalén Leste, e as accións e declaracións dos ministros máis extremistas do Goberno israelí, que incitan á violencia.

"Todo isto apunta a un claro intento de socavar a solución de dous Estados e de socavar a visión dun Estado palestino viable, e non debemos permitir que iso suceda", salientou.

Von der Leyen dixo que entende que para moitos cidadáns, a incapacidade de Europa para acordar un camiño común é igualmente dolorosa e que os europeos se pregunten canto deben empeorar as cousas para que haxa unha resposta unificada.

A presidenta da Comisión lembrou que o apoio financeiro e a axuda humanitaria da UE superan con fartura os de calquera outro socio e engadiu que por iso debe liderar o camiño, como o fixo antes.

"O noso compromiso cunha Autoridade Palestina viable mantén viva a solución de dous Estados. E debemos instar a outros a que tamén o fagan urxentemente, tanto na rexión como fóra dela", dixo Von der Leyen. 

Críticas de Israel

O ministro de Asuntos Exteriores israelí, Gideon Saar, tachou de "lamentables" as palabras da presidenta da Comisión Europea.

"A presidenta da Comisión equivócase ao ceder ás presións de factores que socavan as relacións entre Israel e Europa. Esta é unha tendencia contraria aos propios intereses dos países europeos. E o que é máis importante: esta non é unha relación aceptable entre socios", dixo Saar

Apoio do goberno español

O ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares, deu o seu apoio total á proposta da presidenta europea, aínda que lle gustaría que en lugar dunha suspensión parcial fose total.

En declaracións aos medios, o ministro referiuse á proposta da presidenta europea de sancionar aos ministros israelís extremistas e aos colonos violentos e dunha suspensión parcial do Acordo de Asociación en materia comercial con Israel.

Albares lembrou que estas medidas xa as viña solicitando España hai tempo "con forza e con insistencia" e agora, "grazas ao liderado e influencia de España na UE na defensa dos civís gazatíes" empezan a estar definitivamente sobre a mesa.

Tamén aplaudiu a proposta de Von der Leyen de sancionar aos ministros israelís extremistas e aos colonos violentos como fixo España, que "queren malograr a solución dos dous Estados".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade