Israel ataca a delegación negociadora de Hamas en Qatar e mata seis persoas
As vítimas son cinco membros de Hamas e un policía catarí
Qatar condena a acción e advirte que non tolerará violacións da súa soberanía

Polo menos cinco membros de Hamas morreron este martes no ataque israelí contra un edificio en Doha.
O suceso ocorreu arredor das catro da tarde, hora local, media mañá en España. No lugar celebrábase unha reunión da delegación negociadora do grupo palestino.
Entre os falecidos están Hamam Khalil al Hayya, fillo de Khalil al Hayya (que dirixe a delegación negociadora de HAMAS), e Yihad Labad, director da oficina do xefe negociador do movemento palestino. Ademais, perderon a vida tres "acompañantes": Abdulá Abdul Wahid, Moamen Hasuna e Ahmed al Mamluk.
Tamén morreu un membro das forzas de seguridade catarís, Bader Saad Mohamed al Humaidi al Dosari, segundo informou o Ministerio do Interior de Catar, mentres que "varios" efectivos de seguridade resultaron feridos.
Al Hindi precisou que “o liderado do movemento sobreviviu”, polo que non houbo falecidos entre os membros de alto rango.
"Confirmamos o fracaso do inimigo en asasinar aos nosos irmáns da delegación negociadora", dixo Hamas.
“Deus defendeunos desta banda criminal de Netanyahu. O liderado do movemento está ben, pero a sangue dos líderes é igual ca a de calquera neno, muller ou home palestino”, afirmou desde Doha.
Bombardeo de edificios residencias en plena negociación de paz
Catar confirmou que o Exército israelí atacou edificios residenciais con membros destacados do movemento, aínda que non identificou quen.
Fontes palestinas confirmaron que Khalil al Hayya e outros dirixentes sobreviviron ao ataque, que se produciu mentres analizaban a proposta estadounidense de cesamento do fogo.
Israel asume a responsabilidade
Algúns medios falaron de que Israel comunicara a decisión do ataque aos Estados Unidos, mentres que o primeiro ministro Benjamin Netanyahu asumiu a “responsabilidade total” da acción e xustificouna polo atentado deste luns en Xerusalén, que causou seis mortos e foi reivindicado pola ala armada do grupo islamita.
O ataque en Catar produciuse o mesmo día en que o ministro de Exteriores israelí, Gideon Saar, asegurou que Israel aceptara a última proposta de alto o fogo do presidente estadounidense, Donald Trump, sempre que se liberen todos os reféns e que Hamas depoña as armas.
Qatar, que acolle o brazo político do movemento islamita en Doha, é un dos principais mediadores nas negociacións xunto a Exipto e Estados Unidos.
A Liga Árabe condena o ataque
O secretario xeral da Liga Árabe, Ahmed Abulgueit, condenou o ataque e denunciouno como "unha violación flagrante e completamente inaceptable" da soberanía do país.
A Liga Árabe, que agrupa 22 países, solidarízase co emirato e con "calquera medida" que o país adopte para protexer "a súa soberanía e salvagardar a súa seguridade".
"A conduta israelí converteuse nunha violación de todas as normas internacionais establecidas e dos principios do dereito internacional, colocando unha firme responsabilidade sobre a comunidade internacional ao tratar con este Estado, que se burla da lei e non lle importan as consecuencias das súas vergoñentas accións", afirmou a mensaxe da organización.
Un "precedente perigoso"
Exipto, que en ocasións acolle a líderes de Hamas para as negociacións da tregua, sinalou nun comunicado que o ataque israelí senta "un precedente perigoso" e é un "feito inaceptable".
De feito, os rebeldes chiíes hutís do Iemen afirmaron que esta acción é un "sinal de alerta" para todos os países árabes e islámicos.
Pola súa banda, o secretario xeral da ONU, António Guterres, condenou "a flagrante violación da soberanía e da integridade territorial de Catar".
Catar é un importante aliado de Estados Unidos fóra da OTAN e tamén alberga a maior sede do cuartel xeral rexional da Forza Aérea estadounidense en Oriente Medio.
Esta base foi obxecto dun ataque por parte de Irán hai tres meses, que precisamente rematou coa guerra de doce días entre Tel Aviv e Teherán.