Israel acepta a proposta de Trump para un cesamento do fogo en Gaza
"A guerra pode terminar mañá se Hamas depón as armas", asegurou o ministro de Exteriores israelí
Hamas quere que no acordo haxa garantías de que Israel poñería fin á súa ofensiva

O ministro de Exteriores israelí, Gideon Saar, afirmou este martes que Israel aceptou a última proposta do presidente estadounidense Donald Trump para un cesamento do fogo en Gaza, baixo as condicións de que liberen a todos os reféns na Franxa e que Hamas depoña as armas.
"A guerra pode terminar mañá", dixo Saar nunha comferencia de prensa en Zagreb, e engadiu que Israel está disposto a aceptar un acordo completo que poña fin á guerra e englobe esas dúas esixencias.
Para o ministro, a condición de que Hamas depoña as armas é crucial para Israel e ademais garante un futuro mellor para Gaza e os palestinos.
O ministro referiuse á última proposta de tregua con Hamas posta encima da mesa polos mediadores estadounidenses, que supoñería, segundo filtracións a medios israelís, a liberación dos 48 reféns vivos e mortos en Gaza o primeiro día do cesamento do fogo a cambio de presos e detidos palestinos e o comezo ese día das negociacións para a fin da guerra baixo a supervisión de Trump.
Nos últimos días, Hamas, que quere un acordo con garantías de que Israel poñerá fin á súa ofensiva, afirmou que está aberto a calquera idea ou proposta que permita lograr un cesamento do fogo integral e a retirada completa das forzas israelís de Gaza.
Israel esixe pola súa banda a liberación dos reféns, o desarmamento de Hamas e que ese grupo islámico renuncie ao control de Gaza para a fin da guerra no enclave, onde máis de 64.000 persoas morreron baixo os ataques de Israel desde outubro de 2023.