Publicador de contidos

Publicador de contidos

Feijóo di que a Sánchez só o move o medo pola corrupción, e o presidente presume de Goberno limpo

Feijóo di que a Sánchez só o move o medo pola corrupción, e o presidente presume de Goberno limpo

Sánchez e Feijóo teñen o seu primeiro cara a cara do curso no medio dunha crecente tensión

directo Sánchez e Feijóo, durante a sesión deste mércores ( EFE / J. J. Guillén)
G24.gal 10/09/2025 08:24

O líder do PP Alberto Núñez Feijóo asegurou este mércores que ao xefe do Executivo só o move o medo polos casos de corrupción que o arrodean e a que el mesmo poida acabar no xulgado.

"Empeza este curso exactamente igual que o terminou. Escondeuse na maleta pensando que todos estes problemas de corrupción ían taparse. A corrupción non se foi porque vostede está aquí", espetou Feijóo a Sánchez na primeira sesión de control ao Goberno do Pleno do Congreso do curso político.

"Este é un goberno limpo"

Na súa réplica, o presidente do Goberno presumiu dun Goberno limpo e que funciona. Afirmou que sabe o que pretende o PP, pero non o van provocar porque o seu Executivo está a facer o que esixiu.

"Esiximos unha política limpa e este é un Goberno limpo", aseverou. 

Sánchez engadiu, entre unha sonora reprobación da bancada popular e antes de explicar que esixían tamén compromiso coas causas sociais, que o Executivo aumentou bolsas, que pedía defensa do dereito internacional humanitario e se situou no lado correcto da historia ante o xenocidio en Gaza.

"O que está a pasar en Gaza é un xenocidio. Repita comigo, señoría, é un xenocidio", dixo a Feijóo.

O presidente tamén reprochou ao xefe da oposición que tras o plantar o acto de apertura do ano xudicial utilizase unha conversa privada e falsa co xefe do Estado para tentar escusar o inescusable.

O líder da oposición enumerou a serie de cuestións xudiciais que afectan o Goberno tras lembrar a Sánchez que chegou á Moncloa prometendo exemplaridade.

Feijóo atacou a Sánchez coa decisión do Supremo de abrir xuízo oral ao fiscal xeral do Estado; coa declaración da súa muller, "pluriimputada" ante o xuíz este mesmo mércores, con autorizar ao seu número dous no Goberno, o exministro José Luis Ábalos, a ter unha reunión no aeroporto de Madrid coa vicepresidenta do Goberno de Venezuela Delcy Rodríguez, e cos abusos do seu exministro de Transportes, ao que volveu incluír nas listas.

Feijóo asegurou que Sánchez segue tamén sen ter un Goberno que funcione, sen unha maioría parlamentaria e sen orzamentos. "Foise de vacacións cunha sonora derrota parlamentaria e é probable que hoxe teña máis", en alusión á redución da xornada laboral. 

Na primeira sesión de control ao Goberno tras a parada estival, Gabriel Rufián (ERC) preguntoulle a Sánchez que pensa facer no que queda de lexislatura.

"Cumprir cos acordos de investidura e cumprir, loxicamente, a aquilo co que me comprometín cos españois. Eu creo que aí están os datos en economía, en emprego. Evidentemente, existen aínda dificultades, por exemplo, no ámbito da vivenda", respondeu Sánchez.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade