O Baxi Ferrol inicia a EuroCup na pista do Olympiacos
O encontro televisarase na G2 ás 18:00 horas
Terceira tempada seguida do club galego en Europa
O Baxi Ferrol abre a súa terceira aventura na Eurocup hoxe na pista grega do Olympiacos (18:00 horas, televisado na G2), a primeira xornada dunha dura fase de grupos para o club galego, que tamén terá como rivais o CBK Mersin turco e o Sleza Wroclaw polaco.
"Estar en Europa é un premio para todos. Estamos moi ilusionadas. Hai que gozar por terceiro ano seguido de xogar a Eurocup", afirmou o adestrador do Baxi, Lino López, que lembrou o potencial do Olympiacos: "É un grande equipo, con xogadoras de moitos nivel, de WNBA e internacionais con Grecia". O club grego, dominador no seu país no período 2021-25 con cinco títulos de liga consecutivos, quedou eliminado a tempada pasada nas semifinais do campionato ligueiro.
O Baxi Ferrol chega á cita europea máis rodado que o Olympiacos, que ata o momento só xogou dous partidos da súa liga; o conxunto ferrolán acumula cinco, tres de liga e dous de previa da Eurocup.