Estepona-Ensino, este xoves en directo na G2 a Liga Feminina de baloncesto
O groso da segunda xornada da competición xógase este xoves cos encontros dos tres equipos galegos
O Ensino buscará a primeira vitoria coas cámaras da G2 en directo ás 20:00 horas
O Durán Maquinaria Ensino buscará na pista do Estepona o primeiro triunfo da temporada na segunda xornada da Liga Feminina Endesa. Un encontro que poderemos ver en directo pola G2 a partir das 20:00 horas. Ningún dos dous equipos tivo unha boa estrea. O Estepona perdeu de xeito contundente na pista de Zaragoza e o Ensino caeu en Lugo diante do Mirai Euskotren (52-73). Dúas ex do cadro lugués como Rachel Howard e Cecilia Muhate estarán enfronte no Pavillón de Pineda.
O único equipo galego que sumou a vitoria na primeira xornada, o Baxi Ferrol, viaxa a Murcia para xogar diante do Jairis (21:00 horas). O Celta Femxa Zorka, que rozou o triunfo na primeira tirada diante do Gernika, repite rival vasco e ten que xogar en Donostia diante do poderoso Euskotren.