O Deportivo Abanca acariña a fazaña contra o Barça, pero cede o empate no 102'
As coruñesas adiantáronse por medio de Vega, pero Van Asten aproveitou o longo engadido para empatar
A xogada foi revisada pero subiu ao marcador, deixando un 1-1 agridoce
Tras o partido non compareceu Alberto Rodríguez,e o club sacou un comunicado protestando contra a actuación arbitral
O Deportivo Abanca rozou a gloria. Un tempo engadido que pareceu excesivo evitou un triunfo histórico do equipo coruñés ante o Barça. Certo é que as blaugrás presentáronse en Riazor con moitas rotacións. Pero tamén o é que o Deportivo tiña varias baixas que solventou moi ben disputando un gran encontro en defensa e con capacidade para crear perigo nas contras. E con momentos de bó fútbol combinativo con boas ocasións para Marisa ou Lucía Pardo.
No primeiro tempo tiveron máis achegamentos as galegas ante un rival que só foi quen de crear perigo a balón parado. Marta Torrejón gozou da única oportunidade visitante antes do lecer.
E a volta dos vestiarios, o Deportivo Abanca obtivo o premio gol. No minuto 48 chegaba o un a cero, froito dunha moi boa xogada culminada por Vega Montesinos. O tanto facía xustiza ao bó partido das de Alberto Rodríguez. O Barça estaba superado e estaba lonxe de facerlle dano ao cinxunto brancoazul.
Así que chegaron os trocos. Nada menos de Claudia Pina, Ewa Pajor e Patri Guijarro entraron para darlle a volta á situación. Paro o Deportivo non se amilanou e stivo a piques de marcar o segundo noutra boa contra. Co paso dos minutos o Barça foi incrementando o seu dominio. Ewa Pajor tivo a máis clara antes do arreón final, que incluíu un gol anulado por fóra de xogo xusto no minuto 90.
E así chegábase ao tempo engadido. A colexiada, a madrileña Elisabeth Calvo, indicou oito minutos de prolongación. E o Deportivo aguantounos sen sufrir. Pero ninguén agardaba que a cousa chegase ata o minuto 102. E aí o Barça empatou. Renee Van Asten, cun impecable remate de cabeza, evitaba a vitoria deportivista. Difícil xustificación tanto tempo engadido. Quedaba así o equipo coruñés a nada de facer historia. O pinto é moi bó, pero non evitou o enfado monumental no estadio de Riazor.
Tras o partido, non compareceu Alberto Rodríguez. E o club emitiu un comunicado amosando a súa indignación pola arbitraxe:
O RC Deportivo quere expresar publicamente a súa profunda indignación e desconformidade coa actuación arbitral rexistrada no partido disputado este domingo, 15 de novembro, entre o Dépor ABANCA e o FC Barcelona. 🔗 https://t.co/UO6nLpdNU3 https://t.co/aTljU8TG9Q
— Dépor ABANCA (@RCDeportivoFem) November 15, 2026