O ataque dun papagaio provoca a caída dun ciclista, ferido en Nigrán
Non é a primeira vez que o animal causa accidentes coma este, aseguran os servizos de emerxencia

Un ciclista tivo que ser asistido polos servizos sanitarios en Nigrán despois de irse ao chan por culpa dun papagaio que o atacou.
Dáse a circunstancia de que non é a primeira vez que este papagaio protagoniza un ataque deste tipo, segundo confirmou o persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 que acudiu a atender ao ferido.
O incidente sucedeu sobre as 19:30 de onte, segundo o 112 Galicia, que recibiu unha chamada dun particular para alertar da caída do ciclista no quilómetro 12 da PO-325, ao seu paso por Panxón, en Nigrán.
O ferido atopábase tendido na estrada e non respondía aos intentos das persoas que acudiran a auxilialo.
O 112 deu aviso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061 e ao lugar achegouse tamén unha patrulla da Garda Civil de Tráfico.