Publicador de contidos

Publicador de contidos

Habilitado un desvío para ambulancias na N-642 entre Cangas de Foz e Burela

Habilitado un desvío para ambulancias na N-642 entre Cangas de Foz e Burela

A estrada está cortada dende a pasada madrugada tras a aparición dunha focha provocada polas intensas chuvias

Os camións e os coches teñen que desviarse 70 quilómetros mentres o Ministerio de Transportes busca unha solución

Tamén quedou suspendido o tráfico ferroviario entre Burela e Ribadeo, na liña Oviedo-Ferrol

Ademais do desprendemento, rexistráronse varias fendas
G24.gal 21/01/2023 09:04 Última actualización 21/01/2023 21:39

O Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) desviou provisionalmente o tráfico da N-642 como resposta ao corte executado esta madrugada entre os puntos quilométricos 41 a 47, desde Cangas (Foz) ata a ligazón do hospital da costa en Burela.

Segundo informa o Mitma, ademais do embalsamamento de auga na marxe esquerda, derivado dos últimos episodios de intensas choivas, apareceron gretas e unha focha no punto quilométrico 42,3, nun dos accesos á localidade de Burela.

O persoal do Grupo de Apoio Loxístico (GALI) da Axencia Galega de Emerxencias colabora no alivio da presión da auga sobre a estrada.

Nun primeiro momento habilitáronse dúas alternativas pero, tras o atoamento dun vehículo pesado, só queda unha de case 70 quilómetros. Só as ambulancias poderán evitar ese desvío, usando un paso específico para o transporte sanitario nas inmediacións da praia de Areoura.

Percorrido alternativo

Desde Cangas de Foz, a ruta recomendada pasa primeiro pola estrada LU-162 ata Ferreira do Valadouro. Despois, o itinerario continúa pola LU-161 e a LU-540 ata Viveiro, para incorporarse novamente á N-642 a través da CG-2.3 en Xove.

A que se establecera nun principio, primeiro pola LU-162 e logo pola LU-P-1502, en sentido Burela, quedou pechada tras o atoamento dun camión.

O Ministerio asegura nun comunicado que xa está a traballar na zona con medios materiais e humanos e analiza as distintas solucións ao problema para que "as afeccións sexan as mínimas posibles".

"O prioritario é a seguridade, de aí o corte da estrada, e hoxe valorar a acumulación de auga que se está a tratar de eliminar e ver ata onde chega o problema para tratar de solucionalo", declarou no lugar Isabel Rodríguez, subdelegada do Goberno en Lugo.

Persoal técnico do Ministerio traballa na zona para buscar solucións Persoal técnico do Ministerio traballa na zona para buscar solucións

A Xunta reclámalle ao goberno central un plan de conservación das estradas nacionais. A conselleira Ethel Vázquez di que hai un déficit de mantemento nas vías de titularidade estatal da Mariña e noutras como son as autovias A-6, A-52 e na Nacional 542. 

Arteria principal

A primeira hora nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana da Radio Galega, o alcalde de Burela amosaba a súa preocupación porque a estrada afectada é a que se emprega para ir ao hospital comarcal e tamén circulan por ela moitos camións procedentes do porto.

O rexedor, Alfredo Llano, lembrou que a N-642 é a arteria principal da Mariña, unha comarca que, segundo denunciou, padece dende sempre un déficit de comunicación por estrada. 

Entrevista ao alcalde de Burela na Radio Galega

Corte ferroviario

O estado da calzada e o perigo de desprendemento tamén obrigaron a suspender a circulación ferroviaria entre Burela e Ribadeo, na liña de ancho métrico Oviedo-Ferrol. Segundo informa Adif, estableceuse un plan alternativo por estrada entre Ribadeo e Cerdido.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade