Coidados do noso animal de compañía en tempos de frío e chuvia
Nas clínicas veterinarias nótase que estamos na época de frío e chuvia. Hai maior número de problemas derivados do exceso de humidade na pel do animal.
"Veu un shar pei coas patas totalmente infectadas con moito proído e inflamación por esa humidade", apunta Diego Díaz, veterinario da clínica Elviña Vets da Coruña.
"Cando o ambiente na pel é moi húmido e non deixa transpirar e respirar ben a pel, o que provoca é a formación dun caldo de cultivo para moitas bacterias e fungos", explica Samuel Ramos, veterinario da clínica Ópera da Coruña.
"Entón hai que ter máis coidado e ao chegar a casa limpalos ben, secarlles as patas e desinfectalos incluso", engade Diego Díaz.
Que sexa inverno non é impedimento para saír de paseo. Se vai frío, abonda con abrigarse. Iso si, depende da raza.
"Hai cans pequenos como yorkshire ou chihuahua que teñen pouco pelo e temos que abrigalos máis porque non teñen esa capa de pelo que pode ter un husky ou un mastín, por exemplo", sinala o veterinario Diego Díaz.
"Neses casos, por exemplo nos paseos, si que é recomendable algún tipo de protección extra como pode ser algún xersei ou algún abrigo", apunta o veterinario Samuel Ramos.
A falta de luz reduce a actividade, polo que tamén se aconsella recortar a ración diaria de alimento.