O aeroporto de Santiago reabre este xoves coa pista renovada e máis rutas ao estranxeiro
A gran novidade é a conexión con Nova York os luns, xoves e sábados ata setembro
TVG
O aeroporto de Santiago reabre este xoves tras 35 días pechado por obras, coa pista renovada e unha oferta máis internacional e rutas a 12 destinos internacionais para intentar levantar o voo tras rexistrar unha caída de case o 30 % dos viaxantes no primeiro trimestre do ano.
O 23 de abril, o principal aeroporto galego botou o peche para renovar por completo o pavimento da súa pista e os sistemas de axudas á aterraxe en condicións de baixa visibilidade.
A Lavacolla volverá abrir as súas portas este xoves cunha revitalizada oferta de voos que contará con rutas a 12 destinos internacionais e, por primeira vez, conexións directas a tres continentes.
Estréase ruta a Nova York
A gran novidade será a ruta a Nova York, operada por United Airlines, que se estreará o mesmo xoves cun voo con saída de Santiago ás 10:00 horas e chegada prevista ao aeroporto de Newark, que serve á área metropolitana da cidade estadounidense, case oito horas despois.
Aínda quedan billetes dispoñibles para este primeiro voo a uns 1.250 euros, para unha conexión que se realizará todos os luns, xoves e sábados ata o 21 de setembro.
Trátase da primeira ruta regular sen escalas entre Galicia e os Estados Unidos, un mercado que creceu de forma significativa nos últimos anos para o turismo galego e o Camiño de Santiago, para o que se converteron no principal lugar de orixe dos peregrinos tras España.
Esta tempada tamén debutaron os voos a Marrakech, primeira conexión compostelá co continente africano, que xa empezara a operar a finais de marzo con dúas frecuencias semanais operadas por Vueling.
Outro destino para estrear é Cork, que operará Air Lingus con dúas frecuencias semanais desde o 1 de xullo, mentres que KLM debuta na Lavacolla o 30 de maio con voos entre Santiago e Ámsterdam, unha conexión na que competirá con Vueling.
En canto ao resto de voos internacionais, mantéñense as rutas a Londres (Vueling e Ryanair), París (Vueling), Bruxelas (Ryanair), Basilea (Easyjet), Dublín (Aer Lingus e Ryanair), Frankfurt (Lufthansa), Xenebra (Easyjet) e Zürich (Swiss e Vueling).
No panorama nacional, Vueling estrea esta tempada voos a Xerez e Eivisa.
Obxectivo: combater a caída de viaxeiros
Con esta oferta renovada, o aeroporto de Santiago espera dar a volta á sangría de pasaxeiros que sofre desde fai máis dun ano, a súa peor crise desde a pandemia.
A Lavacolla pasou de alcanzar en 2024 unha marca de máis de 3,6 millóns de pasaxeiros a perder máis de medio millón nun ano (un 14,3 % menos).
A tendencia seguiu en 2026 con máis de 180.000 viaxeiros menos no primeiro trimestre, un derrubamento de case o 30 %.
Gran parte deste descenso, mentres os outros dous aeroportos galegos crecen, está relacionada co peche da base de Ryanair na terminal compostelá, aínda que os expertos sinalan outros factores como o AVE a Madrid e unha deficiente política de captación de voos.
A rexeneración do pavimento do aeroporto está dotada cun orzamento de máis de 26,6 millóns de euros cun prazo de execución de 15 meses. Arrincou en período nocturno en xaneiro e continuará os próximos meses con outras actuacións, pero non se prevé ningún peche diúrno adicional a estes 35 días.
Usáronse unhas 73.000 toneladas de novo pavimento producido no interior das instalacións, en dúas plantas provisionais instaladas para esta intervención.
Esta fin de semana realizáronse os voos de calibración necesarios para axustar o sistema de precisión para aterrar en condicións de baixa visibilidade.