O abandono de mascotas aumenta durante o verán
A Protectora de Animais de Lugo rexistra un aumento nos abandonos de gatos e un descenso no caso dos cans
280 cans e case 50 gatos agardan ser adoptados
O abandono de mascotas prodúcese durante todo o ano, pero o verán é unha época especialmente sensible. A Protectora de Animais de Lugo racha esta tendencia ao rexistrar menos entradas de cans dende o ano pasado.
"Somos bastante constantes durante todo o ano. Non notamos moita diferenza no verán. O ano pasado e este notamos un descenso de entradas de abandonos e de extravíos, o que é unha gran noticia", explica Alberto Losada, presidente da Sociedade Protectora de Lugo.
Porén, mentres a tendencia de abandonos de cans se frea en Lugo, no caso dos gatos aumenta. Máis de corenta agardan por un fogar, xunto aos 280 cans que a Protectora de Lugo ten ao seu cargo. 120 están no albergue de Muxa, lonxe dos case 200 doutros anos. O resto están en fogares de acollida.
Xunto aos voluntaios, as familias de acollida son peza fundamental no coidado das mascotas mentres non conseguen un fogar
"Se as familias de acollida devolvesen os animais que son nosos, a protectora estouparía. Non temos capacidade", explica o seu responsable quen valora o ben coidados e o cariño que reciben nestes fogares.
Cada vez máis xente elixe ter unha mascota e a adopción é o grande obxectivo para estes animais
A mensaxe: "Por suposto adoptar mellor que mercar", sostén Alberto Losada, por todo o que envolve, "ao saber que sacas un can ou un gato para darlle unha vida digna". Ademais, hai cans de todos os tipos.
Hai cans estupendos, bonitos, cariñosos e agradecidos
Hai casos de cans que o pasaron tan mal que cando alguén os acolle e lles dá un cariño especial agradéceno moito.
Para coñecer todos estes animais poden achegarse ás instalacións de Muxa que prepara unha xornada de portas abertas e onde nunhas semanas comezarán as obras de ampliación.
Todo no mesmo ano en que a Sociedade Protectora acaba de conseguir ser declarada de utilidade pública.