Os traumatismos faciais aumentan durante o tempo de ocio de verán
Neste tempo de verán, en que aumentan as actividades de ocio, medran tamén os traumatismos faciais
Esvaróns en piscinas, golpes contra as rochas nas praias, caídas de bicicletas e outras actividades deportivas fan que durante os meses de estío se incrementen significativamente as lesións que afectan dentes, mandíbula e ósos da cara
Un mergullo nun día de calor é unha das cousas máis gratificantes do verán. En estío gústannos actividades de lecer ao aire libre que se traducen nun incremento dos traumatismos faciais. Un aumento moi significativo de lesións que afectan a dentadura, mandíbula, pómulos e órbita ocular.
"Vense máis lesións porque facemos máis deporte. Non por iso debemos deixalo. Debemos gozar deste tempo libre pero con medidas de seguridade para que nos leve a ser felices", di o cirurxián maxilofacial José Ferreras.
Vense pois máis accidentes por esvaróns en piscinas, colisións durante xogos na praia, caídas de bicicletas ou de patinetes.
Remedio? Prudencia e uso de proteccións fisicas que se recomendan para cada deporte e a actuación precoz para que as secuelas sexan mínimas.
"Cando teñamos un traumatismo, ben por unha caída en bicicleta, patinete ou por un golpe por unha pa de pádel é moi importante a actuación precoz. Cando perdemos un dente por un traumatismo é importante saber que o debemos conservar en leite ou na boca en cuspe, porque hai moita xente que o trae nun pano. E acudir o antes posible ao especialista porque ese dente pódese reimplantar", di o doutor Ferreras.
Mellor que non sexa necesario e para iso cómpre non deixar a prudencia esquecida no roupeiro.