Nun mes empeza a formación dos novos mir
Cinco dos novos residentes coas mellores notas de España elixiron os hospitais galegos
A adxudicación de prazas remata o 27 de maio
O 5 de xuño teñen que incorporarse á nova etapa formativa que durará entre 4 e 5 anos dependendo da especialidade
A puntuación no exame MIR, valeulle a Mara para estar no posto 83 de toda España e poder optar á praza que quería.
"Son o número 83 da convocatoria MIR deste ano 2026 e decidín escoller cardioloxía porque me namorei dela durante a carreira, durante as prácticas, estudándoa e máis ou menos dende o segundo, terceiro ano xa tiña claro que ía ser a miña especialidade", explica Mara Gato Vilaseca, nova médica residente de Cardioloxía no CHUS.
Hoxe cruza o limiar do hospital, pero xa non como alumna. A partir do 5 de xuño sera R1, residente de primeiro ano.
"Son 5 anos en que se aprende moitísimo, fanse moitos amigos, todos gardamos, eu creo, o recordo da residencia case non sei se dicir como os mellores anos", apunta Pilar Mazón, xefa de Cardioloxía do CHUS.
O luns asistiu en Madrid ao acto de adxudicación de prazas. Son algo máis 9.000 para 16.000 aprobados.
"O luns foi un día moi emocionante, tamén foi un pouco de nervios porque en realidade non sabes o que queren facer os teus compañeiros, non sabes se van ter as mesmas preferencias ca ti, pero, vaia, ao final tiven sorte e puiden coller a miña primeira opción, así que foi un día moi feliz", recorda Mara.
Hoxe é día de reencontros e de coñecer os profesionais que guiarán a súa formación.
"Os primeiros anos, sobre todo o primeiro ano é un pouco máis de adaptación e de desfrutar un pouco máis, e despois si que vas ter que traballar e as gardas van ser un pouco peor", confesa Santiago Gestal, hemodinamista no Servizo de Cardioloxía do CHUS.
Chegou onte de Madrid e aínda non tivo tempo de regresar ao seu Foz natal, onde descansará o mes que lle queda.
"Agora este é un mes para buscar vivenda, relaxarse e empezar a coñecer os meus compañeiros e poder sentirme integrada xa dende o primeiro día", conclúe a nova MIR.