Publicador de contidos

Publicador de contidos

As áreas sanitarias de Galicia reciben os primeiros mir que se formarán como urxenciólogos

As áreas sanitarias de Galicia reciben os primeiros mir que se formarán como urxenciólogos

A especialidade en Medicina de Urxencias recoñeceuse despois de moitos anos de reivindicacións

G24.gal 02/06/2026 13:38

Este venres incorpóranse aos servizos de urxencias dos hospitais galegos os primeiros mir da especialidade. Nestes días previos xa entraron en contacto cos seus formadores, compañeiros que loitaron durante anos para que se recoñececese o seu labor e que agora se dispoñen a revelar todos os segredos desta rama, que se considera unha das máis vocacionais da medicina. Celebran que haxa por fin no servizo residentes nesta nova especialidade. Antes, cóntannos, era autoformación.

"Buscabas cursos e pagábalos ti mesma para poder formarte. Entón queriamos que houbese unha formación regrada e que se recoñecese a complexidade deste traballo", dixo María Cortés, especialista en Medicina de Urxencias.

"Hai unha praza por cada área sanitaria, así que de momento imos ser seis mir de Urxencias en Galicia. Ten que gustarche porque hai un nivel de estrés pola importancia do factor tempo que ten que axustarse á túa forma de ser", contounos Natalia Cernadas, a primeira mir de Urxencias do CHUS.

Conscientes de que é unha especialidade custosa a nivel físico e emocional, aseguran que responder nos momentos críticos ten a mellor contrapartida.

"Non só salvar vidas. Tamén saber que desa intervención tamén pode depender que non queden secuelas", dixo María Cortés, especialista en Medicina de Urxencias.

Co ánimo de transmitir todos os segredos, aos primeiros mir de Urxencias de Galicia recíbenos, aseguran, co maior agarimo posible.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade