Nun barrio de Lugo reparten polo San Xoán milleiros de racións de becerro asado
Con preto de 20 metros de perímetro e cinco de altura, é a maior das máis de 300 fogueiras organizadas na cidade
O prato forte do San Xoán en Lugo non son as sardiñas, senón os becerros que se asan no barrio da Piringalla. En total, suman media tonelada de carne, que se reparte entre os milleiros de asistentes á festa. Cada ración vai acompañada de pementos, pan e bebida, e é todo de balde ata que se acabe.
"Becerro, pementos, pan, viño, cervexa, refresco de cola e auga para toda persoa que aquí apareza. E todo gratuíto totalmente", sinala Ricardo Varela, presidente da asociación de veciños San Isidro da Piringalla.
Con preto de 20 metros de perímetro e cinco de altura, a da Piringalla é a maior das máis de 300 fogueiras organizadas en Lugo. Préndeselle lume á medianoite, e completan a festa actividades para todos os públicos, como sesións de zumba ou a actuación dunha orquestra.