Galicia estrea un simulador para anticipar a evolución dos incendio forestais
A ferramenta combina datos meteorolóxicos e o territorio para anticipar o avance do lume ata 24 horas e mellorar a resposta dos equipos de extinción
A Xunta presentou este mércores o novo simulador de propagación de incendios de Galicia, unha ferramenta que busca mellorar a capacidade de anticipación e resposta fronte aos lumes mediante a integración de datos meteorolóxicos, información do territorio e variables relacionadas co comportamento do lume.
Durante o acto de presentación, a conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, destacou o traballo desenvolvido por MeteoGalicia no deseño desta ferramenta, que permite obter simulacións avanzadas sobre a posible evolución dun incendio foresal.
Segundo explicou a Xunta, o sistema é capaz de xerar unha simulación en apenas 30 minutos e prever o avance do lume durante as seguintes 12 horas. Ademais, nunha hora pode ofrecer uha previsión para as próximas 24 horas.
Pola súa banda, o conselleiro da Presidencia, Diego Calvo, incidiu na utilidade da ferramenta para mellorar a coordinación e a capacidade de anticipación dos efectivos que participan na loita contra os incendios.
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, sinalou que o futuro da prevención e da defensa contra os lumes pasa por combinar experiencia, profesionalización e innovación tecnolóxica.
No acto tamén se lembrou que xa está dispoñible a aplicación móbil ALume, que permite á cidadanía comunicar e alertar de incendios forestais de maneira sinxela.