Unha muller sofre intoxicación por inhalación de fume ao intentar sacar o coche dun garaxe incendiado en Sada
Unha muller sofre intoxicación por inhalación de fume ao intentar sacar o coche dun garaxe incendiado en Sada
O incendio orixinouse nun coche aparcado no garaxe por causas que se investigan
Tres coches quedaron danados e o resto dos vehículos están afectados polo fume
O incendio orixinouse arredor das 5 da tarde nun vehículo estacionado no garaxe dun edificio na Calella da Lagoa, en Sada. Acudiron os bombeiros de Betanzos, pero a cantidade de fume obrigou a pedir reforzos de Arteixo, Oleiros e o Grupo Municipal de Emerxencias de Sada.
José Manuel Pérez, sarxento do parque de bombeiros de Betanzos, relata como foi a intervención en que a cantidade de fume que saía do garaxe lle impedía entrar, e un veciño indicoulles como acceder desde unha praza interior para poder sufocar o lume.
Os veciños foron desaloxados, pero, froito dos nervios e a tensión, unha muller intentou sacar o seu coche do garaxe e resultou intoxicada por inhalación de fume.
Unha vez extinguido o lume e ventilado o edificio, puideron regresar ás súas vivendas. Sábese que a orixe do incendio estivo nun coche que quedou calcinado. Outros dous quedaron danados e a maioría cando os puideron sacar estaban tinguidos de negro polo fume.
Axentes da Policía Científica da Garda Civil inspeccionaron este martes o garaxe na busca de indicios que determinen as causas do incendio. Mentres, o recinto permanece precintado, á espera tamén da avaliación de técnicos por se houbese algún dano estrutural.