Publicador de contidos

Publicador de contidos

Novos ataques de lobos ao gando en Mazaricos

Novos ataques de lobos ao gando en Mazaricos

O último foi na noite do luns e matou cinco ovellas e un carneiro no lugar de Cives

Tamén se rexistraron ataques nos lugares de Ribadeza e en Coiro

G24.gal 14/05/2025 14:05

Novo ataque de lobos en varios lugares do concello de Mazaricos. Un dos últimos na noite do luns na que o lobo matou unhas ovellas e un carneiro nunha parcela moi preto de vivendas.  

Despois dun tempo de tregua o lobo volveu atacar de novo o gando no concello de Mazaricos. 

Ben é certo que na zona os ataques destes animais non son unha novidade, pero si colleu a veciñanza do lugar de Cives por sorpresa. Non é para menos, pois o lobo matou na noite do luns varias ovellas nunha parcela, a escasos metros das casas. 

Os donos dos animais decatáronse do sucedido á mañá seguinte. Varios veciños do lugar avisáranlles que os animais estaban mortos: en total cinco ovellas e un carneiro. Estaban esparexidos pola leira, a cal está totalmente pechada por arame de malla. Pero o peche non foi impedimento para que o lobo entrara.  

Hai poucos meses e tamén moi preto do mesmo lugar, os lobos entraron nunha granxa matando dúas tenreiras e malferindo outras tres.

Con todo, non quedan aquí as visitas dos lobos ao gando en Mazaricos, pois tamén se rexistraron ataques nos lugares de Ribadeza, abatendo tres ovellas, e en Coiro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade