Topan o corpo sen vida dunha muller nova nun piso do concello madrileño de Xetafe
O cadáver estaba no seu domicilio en avanzado estado de descomposición
Segundo o resultado preliminar da autopsia, morreu por causas naturais

A muller de 27 anos que apareceu morta no seu domicilio da localidade madrileña de Xetafe morreu por causas naturais, segundo o resultado preliminar da autopsia realizada este domingo.
Fontes policiais avanzan que, segundo a análise forense practicada, non presenta signos de criminalidade e todo apunta a que morreu hai varios días por causas naturais.
O cadáver foi descuberto na mañá deste sábado despois de que uns familiares alertaran de que non tiñan novas da moza desde hai varios días.
Os bombeiros da comunidade de Madrid forzaron a porta da vivenda, situada na rúa San José de Salazar de Xetafe, e localizaron o corpo da muller en avanzado estado de descomposición.
Á espera da autopsia coñecida este domingo, os axentes de Homicidios da Xefatura Superior de Policía de Madrid continuaban solicitando probas e tomando declaración a testemuñas e achegados para esclarecer as causas do falecemento.