Elévanse a 70 as vítimas mortais das inundacións en Texas, entre elas 21 menores
Só no condado de Kerr, un dos máis afectados polos asolagamentos, faleceron 59 persoas
Trump asinou unha declaración de emerxencia por desastre natural para facer fronte á catástrofe
O número de vítimas mortais polas inundacións rexistradas no centro-sur de Texas aumentou este domingo a 70, segundo informan as autoridades locais.
Larry Leitha Jr., alguacil do condado de Kerr, un dos máis afectados polo desastre, anunciou que só na súa xurisdición localizaron 59 das persoas falecidas, 38 adultas e 21 menores de idade.
As autoridades doutras comunidades próximas informaron doutras 11 mortes: 4 no condado de Travis, 3 no de Burnet, 2 no de Kendall, 1 no de Williamson e outra no de Tom Green.
Once menores de idade que pasaban o verán no campamento cristián Camp Mystic, preto da localidade de Hunt, aínda continúan desaparecidas. En Kerr, máis de 400 socorristas de 20 axencias distintas do goberno federal e estatal continúan cos labores de rescate.
As autoridades locais non quixeron precisar unha cifra exacta de desaparecidos polo gran número de persoas de fóra da rexión que estaban de visita e acampando na zona con motivo da festividade do 4 de xullo.
As peores inundacións dende 1987
O xestor da cidade de Kerrville, no condado de Kerr, Dalton Rice, asegura que son as peores inundacións na zona desde 1987, cando faleceron 10 adolescentes.
O gobernador de Texas, Greg Abbott, solicitoulle á Administración de Donald Trump emitir unha declaración de desastre federal e declarou un "día nacional de oración" para este domingo.
O Servizo Meteorolóxico Nacional explicou que nun período de apenas 12 horas, o venres acumuláronse máis de 30 centímetros de precipitacións, o que elevou o caudal do Guadalupe, preto de Hunt, ao seu segundo nivel máis alto rexistrado, con 9,9 metros de altura.
Declaración de emerxencia
O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, asinou este domingo unha declaración de emerxencia por desastre natural para facer fronte á catástrofe.
"Estas familias están a soportar unha traxedia inimaxinable, perdéronse moitas vidas e moitos máis seguen desaparecidos", escribiu o mandatario na súa conta da plataforma Truth, anunciando a decisión.