Publicador de contidos

Publicador de contidos

Novos altercados e pelexas ás portas de locais de ocio nocturno en Lugo

Novos altercados e pelexas ás portas de locais de ocio nocturno en Lugo

A policía tivo que actuar varias veces esta fin de semana para impedir pelexas

Os veciños non descartan convocar mobilizacións de protesta se a situación continúa así

A policía ás portas do local Las Palmeras na Milagrosa esta fin de semana
G24.gal 05/05/2025 13:53

Nova fin de semana con incidentes nas proximidades dos locais de ocio en Lugo. Varias patrullas das policías Local e Nacional tiveron que intervir por pelexas ás portas de varios bares. Os veciños piden, unha vez máis, que se adopten medidas para eliminar este tipo de situacións.

Fin de semana si e outra tamén os veciños do barrio lugués da Milagrosa padecen os balbordos e as liortas relacionadas con locais de hostalería que funcionan como 'after'. As policías Nacional e Local tiveron que acudir varias veces a un local da rúa Tui a fin de semana ante o aviso dos veciños que alertaban de fortes discusións que poderían rematar, un día máis, en pelexas. 

"Nós non nos decatamos do acontecido esta fin de semana pero o certo é que é moi habitual que haxa moita lea. Con frecuencia vense coches da policía, ambulancias..., e por desgraza estamos acostumados a isto", comenta un veciño da rúa Tui.

Son locais de hostalería que traballan con licenza e horario de cafetería aínda que a actividade real sexa outra e que ademais permite a entrada a menores que acceden ao alcol.  

"Estamos vendo que eses menores poden entrar e conseguir alcol. Esta fin de semana a xente tivo que vestir algún porque estaban espidos na rúa", di Fernando Toubes, voceiro da Asociación SOS Milagrosa.

Levan anos así, sufrindo, protestando e denunciando. "Temos veciños que cando chega a fin de semana teñen que marchar para unha segunda residencia para poder durmir e outros que non teñen esa opción e están medicados para poder descansar. O ambiente que se xerou nestas dúas últimas décadas é algo que non ten freo. E hai que poñelo", di Toubes.

Esixen que se poña freo a esta situación. Ben coa autorización para utilizar cámaras de vixilancia ou con ordes xudiciais para limitar o horario destes establecementos unha vez demostrada cal é a súa actividade real. 

Non é a única zona tensionada en Lugo. Noutro local de ocio nocturno, non moi lonxe, produciuse esta fin de semana unha pelexa na que participaron varios homes e mulleres. No local de ocio da rúa Amor Meilán houbo o pasado mes de agosto un acoitelamento en que quedou ferido un rapaz.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade