Publicador de contidos

Publicador de contidos

Novo récord mundial de picar polbo no Carballiño: 515 quilos en once minutos

Novo récord mundial de picar polbo no Carballiño: 515 quilos en once minutos

A elaboración da tapa de polbo á feira máis grande do mundo abre a semana da Festa do Polbo 

A festa fai 60 anos e declarouse este ano de Interese Turístico Internacional 

G24.gal 09/08/2022 21:47

A elaboración da tapa de polbo á feira máis grande do mundo abriu destas horas a semana gastronómica previa á gran cita do Carballiño:  a Festa do Polbo que cumpre sesenta edicións aínda que esta é máis especial ca nunca pola súa declaración como de Interese Turístico Internacional.

Ás seis da tarde, dúas horas antes da cita, púxose a cocer o polbo. En chegando a hora revisáronse as tesoiras con toda a esperanza en lograr bater a propia marca mundial conseguida en 2019. 

A expectación era máxima na praza maior do Carballiño, ateigada de público, para ver se a trintena de polbeiras e polbeiros lograba tumbar o récord e picar 515 quilos de polbo, 15 máis ca en 2019, en menos de once minutos sete segundos. Profesionalidade e ganas non faltaron tendo en conta que algunhas polbeiras, como Carmen González, levan toda a vida picando polbo desde que a súa nai, polbeira tamén, a levaba ás feiras con ela. 

Nesta cita, vese que hai remuda xeracional da profesión como queda patente na familia Varanda, por exemplo, Silvia xa é a cuarta xeración de polbeiros e agarda que a súa filla siga a tradición familiar. 

Do prato xigante de máis de cinco metros de diámetro saíron miles de racións que apenas duraron, tal era a asistencia. Cada ración levou, conta o polbeiro Alberto Fernández, o polbo nun prato que podían levar de recordo, un anaquiño de pan, vasiño de viño e unha sobremesa.

O Carballiño está a tope con esta semana gastronómica da Festa do Polbo declarada nesta edición de Interese Turístico Internacional, sen perder a esencia de hai 60 anos e seguir reunindo a diáspora carballiñesa como asegura o alcalde Francisco Fumega. 

"Naceu como unha reunión de familias, cada familia reserva o seu espazo no parque, comen alí e a iso únese moita máis xente", lembra o alcalde.

Tras este aperitivo da tapa de polbo máis grande do mundo, moitos dos que o probaron xa devecen polo domingo 14 de agosto. Tamén os que este serán non chegaron catalo porque se lles preguntas o mellor polbo do mundo está, aquí, no Carballiño.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos