Publicador de contidos
Publicador de contidos

Nova xornada de calor abafante en Galicia, que continúa ata o martes

Nova xornada de calor abafante en Galicia, que continúa ata o martes

Segundo Meteogalicia, en Ourense os termómetros rozarán esta tarde os 35 graos

As Rías Baixas rexistrarán temperaturas de 30 graos ata o martes

As praias están cheas e a auga oscila entre os 18 e os 20 graos

G24.gal 08/10/2023 14:11 Última actualización 08/10/2023 15:06

Entre as cidades galegas nas que se chegaron, como lles contabamos, a temperaturas máximas de récord, está Ourense, que foi ademais onde se rexistrou o valor máis alto nun mes de outubro, onte día 7 con 36 graos.

E polo momento este domingo 8 de outubro toca seguir soportando a calor. E en vez de imaxes propias do outono apañando cogomelos ou castañas, atopamos baños refrescantes. Algúns encantados con este verán que se alonga, sobre todo os que están a facer turismo.

Pero a maioría está desexando que baixen os termómetros e veña o tempo propio destas datas.
Decátanse na rúa de que a dos outubros tan cálidos é unha tendencia que vai a máis debido ao cambio climático.

Segundo as previsións, este domingo Ourense superará de novo os 35 graos. Nunca antes fixera tanta calor un mes de outubro.

Temperaturas nas Rías Baixas

En praias como Samil son moitos os que gozan deste tempo engadido do verán. Ata o martes as temperaturas acadarán os trinta graos nas Rías Baixas. A auga tamén está morna estes días, entre os dezaoito e os vinte graos, para sorpresa de moitos visitantes.

Os vigueses máis veteranos e habituais desta praia lembran algún que outro outono coma este. Entre os máis fans deste areal están os galegos de interior e tamén os portugueses, pero hoxe tamén atopamos canarios e levantinos que buscaban fresco e tiñan medo de se bañaren polo frío da auga  viron desbaratados os seus plans.

Poucos son os que se resisten a gozar desta segunda edición do verán, aínda que algúns lamentan o impacto que pode ter esta calor no agro, no medio ambiente e mesmo nas tendas de roupa, que venderán menos pezas de roupa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade