Non todos os produtos caducados son perigosos
Ver, ulir e probar: regra de ouro para saber se os alimentos están en bo estado para o consumo
"Eu se vexo que está caducado, mellor non o como por se acaso", comenta unha rapaza.
O medo é libre, e non todo o mundo reacciona igual ante un alimento caducado.
"Aínda que estean caducados de moi poucos días eu úsoos".
"Incluso iogures, aínda que pasen cinco ou seis días eu consúmoos, si", apuntan unhas señoras.
Non todos os produtos caducados son perigosos para a saúde polo que non é necesario que acaben no lixo, como moito puideron perder algunhas das súas propiedades.
"Destacan os iogures, a manteiga, a marmelada, os embutidos, o alcohol, o pan de molde ou o tomate fritido", enumera Enrique García, voceiro da OCU.
Nesta lista tamén están as patacas fritidas, os froitos secos, a pasta, o arroz e as conservas enlatadas. Unha vez abertos é importante gardalos adecuadamente.
"Sempre teño tarros herméticos cada un xa dunha maneira para metelos", conta unha muller.
Fronte a estes alimentos que si se poden tomar fóra de data hai outros que nunca deben consumirse caducados, sobre todo os frescos, carne, peixe, ovos e queixo porque poden xerar bacterias perigosas para a saúde.
"Aplicar o sentido común. A regra de probar, ulir e ver se o alimento pode estar nun estado adecuado", apunta Enrique García, voceiro da OCU.
"Non me arrisco, se vexo mal color ou un cheiro raro".
"E que unha intoxicación alimentaria é unha cousa moi gorda, eh?".
Almacenar os alimentos de xeito adecuado tamén é fundamental.
"Sempre que fago a compra o que teño xa na casa pásoo cara adiante e o que acabo de mercar póñoo detrás. É un xeito de consumir mellor e darlles un bo uso aos alimentos", conclúe un señor.