No barrio coruñés de Someso tiran de humor para pedir que lles poñan luces de Nadal
Os veciños piden o apoio a personaxes populares moi asociadas a estas festas coma o alcalde de Vigo ou a cantante Mariah Carey
Os veciños do barrio coruñés de Someso queren que as luces de Nadal tamén brillen nas súas rúas e non só no centro da cidade. Fixeron a solicitude formalmente no Concello e, para reforzar a súa petición, tiran da retranca nas redes sociais. Pídenlle apoio a personaxes populares moi asociadas a estas festas coma o alcalde de Vigo ou a cantante Mariah Carey.
Hai algo máis dun ano, os residentes da contorna do recinto feiral da Coruña decidiron organizarse para reclamar servizos que consideran desatendidos no barrio, entre eles a iluminación de Nadal.
Para reafirmar a súa petición, agora que se achega o tempo festivo, lanzaron unha campaña nas redes sociais tirando de humor e figuras populares asociadas ao Nadal.
Amais de apoiar as súas reivindicacións, din que a retranca nas redes está axudando a fomentar o contacto veciñal. E a golpe de enxeño, agardan conseguir que o barrio siga mellorando e este Nadal sexa máis luminoso en Someso.