Publicador de contidos

Niñodaguia recrea unha fornada de olas ao estilo tradicional

Niñodaguia recrea unha fornada de olas ao estilo tradicional

Os fornos empregáronse por última vez hai oitenta anos

G24.gal 06/11/2021 20:56

Vestidos á moda de hai 100 anos, os veciños de Niñodaguia, no concello de Xunqueira de Espadanedo, reproduciron este sábado o que daquela era unha actividade cotiá na aldea: a fornada de cacharros de barro nos fornos tradicionais e comunitarios. O lume tamén avivou a nostalxia.

A mil graos de temperatura van collendo consistencia as olas nuns fornos que se empregaron por última vez hai oitenta anos.

"Son moito máis rápido que os outros porque é lume directo e enseguida sobe a temperatura", explica Agustín Vázquez Ferreiro, encargado da fornada.

Avivan o lume con serraduras para escurecer o barro mentres desde unha cadeira observa, abstraído, o cacharreiro máis antigo de Niñodaguia.

"Empecei cando andaba na escola, nos momentos en que estaba o torno na casa", lembra Benigno Vázquez Blanco.

El danos as claves dun oficio que nos seus tempos mozos alimentaba unhas corenta familias.

"Pois ter as mans lixeiras, e os ollos", subliña.

Hoxe quedan catro cacharreiros, dous a tempo completo. Jose é o máis novo.

"De aquí, loxicamente. Despois pode quedar algún en Buño, sei dun máis novo ca min, e no ámbito nacional cóntanse cos dedos das mans".

E iso que hai futuro, aseguran, con novos mercados por explorar.

"Está a xardinería, a hostalería, regalos de empresa, nós colaboramos con Adolfo Domínguez. Aquí hai vida, pero hai que crer nela", asegura Agustín Vázquez Ferreiro.

Cómpre, iso si, tempo e paciencia para aprender, algo que non abonda hoxe en día.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar