Neste San Froilán sobe o prezo da ración de polbo e da ducia de churros
Son os dous manxares máis tradicionais das festas, e o encarecemento será de un euro
No caso dos churreiros din que levan cinco anos cos prezos conxelados
Pepe, un dos churreiros tradicionais do San Froilán, realízalle estes días os últimos preparativos a súa churrería ambulante antes de trasladala ao recinto feiral. A familia de Pepe leva desde 1920 no negocio, e o San Froilán é das mellores festas.
"No San Froilán gáñanse moitos cartos, si", recoñece Pepe Vázquez.
Os churros, xunto co polbo, son un emblema das festas, e este ano pagaremos un pouco máis por ambos os dous manxares.
"Sobe todo, eles tamén os teñen que subir", di un home; unha muller engade: "Non lles queda outra co que lles cobran polos postos".
A suba será dun euro, e na rúa téñeno claro, non van pasar sen eles.
"Non me importa os pago igual, non mos perdo nin tola", di unha muller, e outra comenta: "É o típico de San Froilán, se soben, a xente vainos mercar igual".
Os churreiros din que levan cinco anos cos prezos conxelados. Subiulles moito a materia prima e o papel das bolsas onde serven os churros.
"Subiu,todo e tamén lles temos que subir os soldos aos empregados", asegura Pepe Vázquez.
Os donos destes negocios tamén chegaron a un acordo para compartir espazo no feiral e para pagar un prezo razoable pola parcela. Renunciaron á adxudicación inicial por máis de 40.000 euros, e agora cada posto desembolsará pouco máis de 7.000.