Nas florerías medra a demanda de flor de Pascua que se cultiva en Galicia
Moitas plantas e flores serven para decorar a nosa casa durante o Nadal
Nas florerías traballan estes días arreo na campaña do Nadal, onde a flor de Pascua, a poinsettia, é a gran protagonista.
"A xente comeza a decorar as casas esta ponte de decembro e a agasallar con flores para adornar", asegura Daniel Cruz.
Este florista comercializa flor producida en Galicia que cada vez ten máis demanda por varias razóns.
"Unha, por deixar no comercio local e onde a xente produce; e outra, porque son plantas máis resistentes e algo máis grosas e aguantan máis na casa".
Tamén Silvia, xerente de Floristería Zinnia, traballa con poinsettia galega, a preferida da súa clientela.
"Para o ano que vén volven ter a planta. Non en cor vermella, porque para iso precisa horas de escuridade. De feito, nos viveiros tápanas con plásticos escuros e na casa iso é imposible, pero si que teñen a planta verde".
Agora ben, para decorar as casas no Nadal as alternativas son variadas. Desde o algodón ata o acivro ou a ardisia.
"A ardisia é unha gran descoñecida, pero moi resistente. Se vedes, ten unha coroa de froitos darredor".
Nos prezos, como en todo, rexistrouse certa suba. A poinsettia roza nas florerías os dez euros, mais o sector non agarda que repercuta nas vendas xa que "desde a pandemia o certo é que a xente decora máis as casas. O ano pasado foi bo e este ano agardamos que sexa igual ou mellor".