Publicador de contidos

Publicador de contidos

Na matanza tradicional de Lalín este ano sacrificaron ao porco Toñito

Na matanza tradicional de Lalín este ano sacrificaron ao porco Toñito

O porco pesou 200 quilos e unha vez despezado sortearase por anacos

Na matanza participou a veciñanza de Botos, Donsión, A Xesta e Vilanova

G24.gal 25/01/2026 14:46 Última actualización 25/01/2026 15:01

Na casona de Mouriscade, en Lalín, é día de matanza comunitaria porque este ano faise entre a veciñanza de catro parroquias: Botos, Donsión, A Xesta e Vilanova. Toñito, un porco de 200 quilos, foi o exemplar sacrificado para representar todas as fases deste festexo que se celebra desde hai 26 anos.

Toñito chegou ao seu día da Matanza xa sen vida, pero iso non impediu que a representación de hoxe fose completa, como relata o seu executor, Santiago da Xesta.

"Este témolo algo amansado porque é demasiado grande e se non se amansa un pouco é malo de cortar. Hai diferenzas entre uns porcos e outros. Uns berran moito e outros quedan cortados e xa non berran", di Santiago

Foi o caso do Toñito, bater bateuse, pero non deu nin chío. En canto lle cravaron o coitelo, recolleron o sangue para as filloas e decontado empezaron a chamuscar nel, antes de que viñese a chuvia. 

 "Unha vez que se chamusca o porco hai que facer o proceso de abertura, en canal, sácanselle as súas miudanzas e as tripas. Estas pasan ao carro para enfialas, sacarlles a graxa e despois no lavadoiro, lavalas ata que quedan listas para facer os chourizos. Despois cólgase o porco", explica Xosé Cuñarro, concelleiro de festas de Lalín

Neste festexo hai outra figura fundamenta, o Señor Cura

"Deus ten que estar en todos os sitios pero hoxe non podía e mandoume a min para controlar un pouco esta xente porque hai de todo. Hai quen está matando no porco pero outros veremos o que están facendo por aí. Agora cando colguen o porco voulle botar a bendición e despois xa o poden partir ou facerlle o que queiran", di Manuel Montoto, o crego da representación

Á par, o forno está listo para a cocedura do pan. E como a matanza é traballosa a celebración remata cun xantar conxunto para todos os participantes. Non comerán a Toñito, que aínda hai que salgalo e picalo para chourizos, pero non faltará con que encher o bandullo neste días previos ao entroido. 

 "Na terra do cocido se non comemos, que imos facer! Hai que comer e darlle gusto á vida e ao corpo. É o que se leva que a vida son tres días!", asegura o Señor Cura

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade