Mudan os usos da terra, pasteiros recuperados para plantacións de arandos
Cool Berries produce 5.500 toneladas de arando ecolóxico en Cerdido
Buscan introducir cultivos mixtos que reduzan a estacionalidade das producións estivais
A recuperación de explotacións agrogandeiras para novos usos produtivos é cada vez máis común en Galicia. Unha desas actividades alternativas é a que desenvolve en Cerdido unha empresa que desde hai 10 anos cultiva arandos ecolóxicos.
Poucos imaxinarían a finais dos anos 90 o que chegaría a ser esta plantación. Os terreos onde pacían as vacas que muxían os gandeiros convertéronse nestoutro negocio.
"As leiras a maior parte delas foron antes explotacións de vacún leiteiro que se foron abandonando. Nós ímolas aproveitando porque precisamos grandes superficies e sería moito máis complicado atopalas, polo minifundismo galego" asegura Bastian González, director agrícola de Cool Berries
De 20 hectáreas iniciais, pasaron a 120, 90 delas de cultivo ecolóxico e o resto en reconversión. Este ano contan con producir 5.500 toneladas de arando, recollido nestes tres meses: o 80 % para o mercado fresco e o resto para conxelado e marmelada. Cada vez buscan novas oportunidades de manter un traballo máis continuado incorporando novos cultivos.
"Facemos unha distribución das nosas variedades para intentar facerlles chegar aos nosos clientes, como Gadisa e outro mercados no centro de Europa, unha produción estable ao longo de todo o verán. En Trazo acabamos de mercar unha leira de 95 hectáreas que queremos poñer en cultivo mixto de kiwi e arando, para mesturar a recolleita de arando e a poda coa recolleita do kiwi, poda e o resto do manexo dos dous cultivos para ter máis ou menos cuberto todo o ano de traballo e non depender tanto desa estacionalidade do persoal", explica González.
Unha oportunidade de traballo para a poboación local e tamén para unha boa porcentaxe de poboación migrante empregada nos cultivos.