Aumenta a venda de ventiladores coa suba das temperaturas
Cada vez é máis necesaria a climatización dos centros de traballo e das vivendas ante os episodios de calor
Os sistemas de aire acondicionado requiren unha revisión dos filtros periódica para evitar enfermidades respiratorias
A medida que soben os termómetros a demanda para climatizar os interiores das casas e dos negocios aumenta tamén. Cada vez instálanse máis aires acondicionados e mércanse máis ventiladores.
Entre 24 e 26 graos é a temperatura ideal para estar en interiores cando fóra vai esta calor. Pero é certo que en Galicia moitas vivendas e negocios non están aínda climatizados e cando quenta a solución máis inmediata é o ventilador: move o aire e mellora a sensación térmica.
"A xente está vindo mercalos porque a calor está batendo forte. De momento temos bastante mercadoría e esperamos que a xente veña. Normalmente vén un pedido por día pero onte tiveron que traer ventiladores tres veces. Hoxe abrín ás cinco da tarde e xa vendín tres", asegura Marcelo Iguines, da ferretería O Hórreo
Naqueles espazos que dispoñen de aire acondicionado, que si diminúe a temperatura real do cuarto, debemos ter máis precaucións.
"O uso ideal é poñelo arredor de 24 ou 25 graos e vixiar a humidade do aire. O aire acondicionado o que fai é resecar moito o ambiente. Se a humidade baixa por debaixo do 35%, resécanse as vías respiratorias e ocasiona afonía, dor de gorxa, farinxite ou larinxite. Como solucionamos iso? Poñendo un humidificador", explica o divulgador de saúde, Héctor Castiñeira
E non podemos esquecer que o aire acondicionado require revisións.
" O fundamental é facerlle un bo mantemento porque o aire acondicionado ten uns filtros que, se non se cambian periodicamente, van quedando atrapados alérxenos, esporas de mofos e contaminantes que estaremos respirando e poden causar enfermidades", aclara Castiñeira
O consumo enerxético do aire acondicionado é maior pero cando ralmente se precisa baixar a temperatura é a solución máis eficaz.