Publicador de contidos

Publicador de contidos

Xornadas intensas de traballo tras as treboadas en Viana do Bolo

Xornadas intensas de traballo tras as treboadas en Viana do Bolo

A normalidade vaise abrindo paso, con dificultade, nas aldeas afectadas polas fortes treboadas do mércores

Mentres os veciños limpan casas e rúas, a maquinaria pesada traballa para retirar toneladas de leña que arrastrou a auga

G24.gal 20/06/2026 14:43

A ponte de Pradocabalos parou a embestida da auga e das toneladas de leña que arrastraba. A propia ponte sufriu danos, pero aguantou e salvou a aldea.

Miguel Rodríguez García, encargado de conservación de estradas: "Estamos cos labores de desatascar a ponte para darlle saída á auga e nuns días sacaremos a maleza".

Teresa, que vive ao pé da ponte é das que peor o pasaron. Con case 90 anos e problemas de mobilidade tivo que sacala a Garda Civil por unha ventá. "Nacín aquí e aquí me criei e nunca vin isto. Nunca pensei que a ponte se enchería ata o alto", lamenta.

Xa teñen luz e auga da traída, aínda que non apta para consumo, pero aínda queda moito máis por facer. A Fernando morreulle o can e once pitas. E a horta desapareceu baixo a auga.

"Tiñámola coma un xardín e mira como quedou. Ata a porta arrincou. Isto é froito dos lumes do ano pasado. Chegounos aí mesmo", explica Fernando.

As xornadas transcorren estes días para os veciños entre traballos de limpeza e desentullo.

"E facendo reconto do que se perdeu e do que se pode recuperar, se hai algo, porque a metade está no río". "Eu teño que limpar a casa porque os garaxes terá que vir alguén ou como nos metemos aí?", explican dous veciños.

Tamén quedou baixo a auga a estrada de Castro a Pixeiros. Apenas se aprecia por onde discorre. Leva desde entón cortada ao tráfico e non se sabe cando se restablecerá a circulación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade