Mrsic: “Sabemos onde estamos e que temos que facer para saír de aí"
Está moi satisfeito coa adptación de Rob Gray
O croata Veljko Mrsic, adestrador do Breogán, eloxiou este xoves o seu compatriota Ante Tomic, ao que se enfrontará este sábado no duelo que medirá ao seu equipo co Joventut no Palau Municipal D´Esports de Badalona.
“É un xogador que leva moitos anos demostrando a súa calidade. É como o bo viño, cos anos achega máis e está a xogar mellor. Non xoga tantos minutos como antes pero neses minutos é moi desequilibrante cando está en pista porque pasa moi ben o balón, rebotea e é moi difícil de marcar”, analizou en rolda de prensa.
Mrsic tamén mostrou a súa admiración polo pivote croata Michael Ruzic, quen con tan só 17 anos xa está a asumir moito protagonismo no xogo do equipo verde e negro.
O adestrador croata non se mostrou especialmente preocupado pola situación clasificatoria do seu equipo, pechando a zona de descenso co mesmo balance de vitorias e derrotas que o Granada e o Obradoiro, e deixou claro que non fará “unha revolución” no seu xogo porque ao equipo está a velo ben.
“Sabemos onde estamos, cal é a nosa posición e que temos que facer para saír de aí. Nunca poño moita presión aos meus xogadores para gañar partidos pero si á hora de estar con bo foco e ter moita responsabilidade en cada posición. Iso para min é o máis importante”, indicou.
“Os resultados non nos acompañaron nos últimos partidos pero en todos eles tivemos as nosas opcións”, engadiu Mrsic, a quen o base Rob Gray está a transmitirlle “boas sensacións” nas súas dúas primeiras semanas co equipo.
“Adaptouse ben ao grupo e é un xogador diferente aos que tiñamos. Creo que nos vai achegar moitas cousas”, subliñou o seu adestrador, que ten pensando utilizalo tanto de base como de escolta.