Morre un veciño de Barreiros nunha saída de vía en Trabada
Morre un veciño de Barreiros nunha saída de vía en Trabada
Descoñécense as causas do sinistro ocorrido a última hora da tarde do domingo
A vítima, de 43 anos, saíu da vía e envorcou nun tramo recto da suba ao alto da Fórnea
Un veciño de Barreiros de 43 anos faleceu este domingo nunha saída de vía en Trabada. O suceso produciuse a última hora da tarde, cando se foi fóra da vía o vehículo que conducía a vítima e acabou envorcado.
O sinistro tivo lugar no quilómetro 3 da estrada LU-P-6103, que une ambos concellos mariñaos.
Cando o vehículo subía cara ao alto da Fórnea, por causas que se descoñecen saíu da vía e acabou envorcando.
Foi outro condutor que pasaba polo lugar quen deu aviso ao 112, que mobilizou a Garda Civil de Tráfico, o GES da Pontenova, unha ambulancia do 061 e mais os bombeiros do parque comarcal de Barreiros, que se ocuparon de extraer o corpo do coche.
"Cando chegamos, estaba a metade do corpo fóra do vehículo. Extraemos a vítima e esperamos polos servizos sanitarios, que confirmaron a morte. Xa tiña feridas que non eran compatibles coa vida", explica Fernando González, sarxento dos bombeiros de Barreiros.
O suceso produciuse nun tramo recto, sen desnivel e con boa visibilidade. Especúlase, polo tanto, que calquera fatalidade puido provocar o accidente.