Morre un operario de 35 anos mentres instalaba unha barraca do San Froilán
O falecido caeu dende unha altura de 15 metros
O golpe foi tan forte que o home pereceu no momento
O falecido é un mozo de 35 anos que estaba a colocar os cables para dar subministración eléctrica a unha das barracas das festas.
Por razóns que se están a investigar, caeu da escaleira coa que traballaba, que estaba colocada enriba dun balado.
A caída foi dende uns 15 metros e o impacto foi tan forte que o mozo faleceu no momento.
O que se desbota é que se producise unha descarga eléctrica que o fixese caer, xa que polo de agora non hai electricidade nos postes da zona das barracas.
O suceso produciuse á primeira hora da tarde e os sanitarios da ambulancia desprazada ata o lugar só puideron certificar a morte do home.
Tamén acudiron patrullas das policías local e nacional para acordoar a zona e comezar coas pescudas.
O concello de Lugo e a comisión de festas manifestan o seu pesar polo acontecido, solidarízanse coa familia e os compañeiros do falecido e lembran a importancia de manter todas as normas de seguridade laboral.