Morre un mozo de 19 anos ao bater o seu coche cun poste de teléfono en Carballo
Os bombeiros tiveron que sacar o único ocupante do vehículo e confirmaron o seu falecemento
Un accidente mortal acabou coa vida dun mozo de tan só 19 anos. Ocorreu de madrugada no concello coruñés de Carballo.
O mozo estaba entrando en Carballo pola estrada que ven de Coristanco. Todo indica que perdeu o control do coche, nunha curva aberta, que a priori non ten moita dificultade para trazala. O Seat León en que ía saíu pola marxe esquerda da estrada, arrincou un sinal de tráfico e tirou un poste de teléfono.
Outro condutor que pasaba nese momento foi o que viu o accidente e avisou a emerxencias. Desprazaron ata o lugar un equipo de sanitarios, Garda Civil e os bombeiros de Carballo.
"Cando chegamos había só unha persoa, un vehículo involucrado cunha persoa dentro. Estaba atrapada. O médico fixo unha primeira valoración, pero para poder facer unha valoración máis completa tivémolo que sacar e xa certificou que a persoa estaba falecida. A verdade que moi atrapado non estaba, pero tivemos que sacar as dúas portas, porque o vehículo estaba totalmente envorcado", di María Jesús Vilariño Díaz, xefa de Parque de Bombeiros Carballo.
"Oín o golpe saín e vin un condutor parado, que foi o que viu o accidente, e díxome: 'É un accidente, o coche está aí na leira'. É disque viña de traballar de Coristanco dun restaurante, que despois chegou a irmá. Alí recolleron todo, o sinal chegou aquí", di unha veciña que vive a carón escasos metros do punto de impacto do coche.
Tráfico investiga as causas do accidente. O coche quedou totalmente esmagado.
🔴 #AXEGAInforma dunha persoa falecida ao saírse da vía co seu turismo cando circulaba pola #AC552, ao seu paso por #Carballo. Os #BombeirosCarballo excarceraron a vítima, atrapada no interior do coche. Interviñeron: sanitarios, @guardiacivil, Policía Local e Protección Civil. pic.twitter.com/GDn6kLTqGw
— 112Galicia (@112Galicia) April 18, 2022