Publicador de contidos
Publicador de contidos

Morre un home de 76 anos tras caer ao mar nun coche desde o porto de Sada

Morre un home de 76 anos tras caer ao mar nun coche desde o porto de Sada

Un mergullador rescatou o accidentado e aínda que lle realizaron manobras de reanimación faleceu no mesmo recinto portuario

G24.gal 19/09/2024 10:15 Última actualización 19/09/2024 14:37

Un home de 76 anos faleceu este xoves á mañá no porto de Sada logo de caer ao mar co seu coche. Quince minutos despois das 9:00 varios particulares alertaron ao servizo de emerxencias 112 Galicia de que había un vehículo afundíndose no recinto portuario e advertían de que unha persoa podía estar no seu interior.

"Adoitábamos vir aquí ás luras. Ás nove e dez da mañá quedabamos aquí tres e el despediuse ata mañá. Subiu ao coche e xa vimos como se precipitaba á auga", conta Miguel, un amigo do falecido.

Ante esta situación mobilizáronse as urxencias sanitarias do 061, Salvamento Marítimo e o Servizo de Gardacostas de Galicia, amais dos Bombeiros de Betanzos e o persoal de Protección Civil de Sada e da Policía Local e a Garda Civil.

Segundo contan as testemuñas, o coche tardou sete minutos en afundirse. As persoas da zona confirmaron que había un varón no interior do turismo, xa baixo a auga tras caer, polo que se procedeu a efectuar o rescate.

Un mergullador conseguiu liberalo e sacalo da auga. Non obstante, e aínda que o persoal sanitario lle realizou manobras de reanimación o home faleceu alí mesmo.

Polo momento descoñécense as causas deste sinistro, e as autoridades abriron unha investigación para tratar de descubrir que foi o que ocorreu.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos