Miss Vaca volve á normalidade despois do seu salto á fama
Visitamos a granxa de Negrelos, onde retoma as súas rutinas

Despois da noite máis glamourosa e máis longa da súa vida, Rubia, a flamante gañadora de Miss Vaca 2022, descansa na parroquia de Negrelos.
Rubia leva o peso da fama con calma, rumiando aínda a sona que lle supón ser coroada como a máis fermosa.
Vémola tranquila, coqueteando un chisco coa cámara. Mirándonos aos humanos con certa incredulidade: como asumir que 7 millóns e medio de persoas seguiran a final do concurso de beleza vacúa a través da Rede? Por que miraron e remiraron os seus vídeos case 700.000 veces, e que dicir dos fans que saíron á rúa berrando o seu nome?
O bo sería saber que pensa de verdade a Rubia. E como levan as súas 29 compañeiras que ela fora a elixida, por que a ela?
Rubia nin a leou parda nin parece que se lle subise a fama aos cornos. É unha miss moi centrada no seu.
Nin as cámaras, nin as rarezas dos humanos inmutan a Rubia. Ela parece saber que os seus donos teñen esta explotación pero tamén unha carnicería. E que a fama é flor dun día.
Mentres iso non chega, dieta vegana, sol, aloumiños e, por que non, presumir un pouco de porte e figura