Cultivan en Guntín unha cabaza de case corenta quilos
A sorprendente cabaceira saíu da horta de José Quiroga, froito dun agasallo
Agora é a sensación do bar de Lousada onde está exposta e que acabará nas tapas
Case corenta quilos de peso e metro e medio de altura. Son as dimensións dunha peculiar cabaza que se deu de marabilla nunha horta de Guntín.
"Eu nunca vin tan grande. Teño 70 anos e nunca vin tal cousa" explica un veciño de Lousada ao ver a hortaliza que cultivou na súa horta José Quiroga, quen explica que pesa exactamente 38 quilogramos e mide 1,40 cm.
Primeira vez que cultiva esta variedade grazas a un agasallo
Unha variedade de cabaza que nunca antes cultivara, froito dun agasallo dunha curmá que lle trouxo as sementes de Bilbao. "De todas só saíu unha. Ten moita rama, moita flor, pero nada máis saíu esa criatura", explica Quiroga dende a horta que está ao carón do bar que rexentan el e a súa muller e onde está agora exposta.
É a sesanción do bar de Lousada onde recibe á clientela
Ademais da expectación "todo o mundo mira para ela", tamén xera debate pola forma, de cabaciña ou cogombro "cabaza case ninguén lle chama".
A clientela sorprendida "non somos de aquí, paramos tomar café e vímola. É xigante, moi bonita", comentan.
Quiroga quedará coas sementes para plantalas o ano que vén, pero antes haberá que cociñala e Mari, a propietaria, xa pensa nas posibles receitas "supoño que a faremos á prancha, en tapas por se queren probala os clientes e logo para facer puré".
Se aguanta, tamén será a estrela do Samaín.