Publicador de contidos
Publicador de contidos

Merquemos a autoestrada do Atlántico, por Venancio Salcines

Merquemos a autoestrada do Atlántico, por Venancio Salcines

G24.gal 01/04/2024 08:03

As contas de AUDASA falan por si soas: preto de douscentos millóns de ingresos, a gran maioría por peaxes, once millóns en gastos de persoal, uns vinte en mantemento. Estas son as grandes cifras da operativa ordinaria da nosa autoestrada. Se restas as amortizacións e os gastos financeiros, queda un resultado antes de impostos de cento dez millóns, un 25 % máis que hai un ano.  

É evidente que a Autoestrada do Atlántico é rendible. Un negocio que dá ingresos por preto de douscentos millóns e só te obriga a destinar once a persoal e vinte a mantemento parece que non ten dúbida. Pero o tema non debe ser canto diñeiro deixamos nas cabinas de peaxe, senón canto nos custa en termos reais.

E para facer unha avaliación real non podemos esquecer que xa levamos cincuenta anos asumindo un diferencial negativo. Si, é negativo en canto que o resto do Estado está vertebrado con vías rápidas de acceso gratuíto e nós non. Artellar Galicia, que non é unha, senón varias, a do interior, a do Atlántico, a do Cantábrico, é necesario para consolidar o noso mercado interior. E isto, un mercado aberto e de libre acceso, é clave para o desenvolvemento de calquera nación, e nós temos áreas ben comunicadas, pero outras non. E as que están ben comunicadas, a un custo só válido para turistas e viaxeiros ocasionais.

Galicia ten que tomar unha decisión a este respecto. O debate non debe ser se está baixo xestión da administración central ou autonómica. Esa é unha discusión bizantina que pouco achega aos galegos. A discusión central ten que ser se queremos a autoestrada gratis ou non. Se concluímos que a queremos de balde, o camiño ten que ser mercala, valorala a prezos de mercado e pagala. Canto pode ser? O seu valor contable non pasaría dos cincocentos millóns de euros, o valor do mercado posiblemente fora o dobre. Onde están os cartos? A obstinación de Sánchez por condonarnos unha débeda que non temos poder ser a solución. Que non nos perdoen débeda inexistente, para algo somos unha das comunidades máis saneadas do Estado, que nos condonen peaxes, que a merque e despois a doe aos galegos. O gasto de mantemento para as arcas autonómicas sería duns trinta millóns de euros (persoal + mantemento), unha cantidade totalmente asumible. Cunha vía gratuíta Ferrol-Tui estariamos mellor, pero esencialmente estariamos igual ca o resto dos españois.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade