Publicador de contidos

Publicador de contidos

Menús de Nadal con estrela Michelin no Hospital de Ourense

Menús de Nadal con estrela Michelin no Hospital de Ourense

Os tres restaurantes de Ourense recoñecidos pola guía gastronómica implícanse na elaboración dos menús para os pacientes

Queren poñer en valor o quefacer das máis de cen persoas que traballan a diario nas cociñas do CHUO

Unhas seiscentas persoas pasarán ingresadas o Nadal ou a Noitevella

G24.gal 13/12/2023 14:42

Entre os fogóns da inmensa cociña do Complexo Hospitalario de Ourense trasfegan os cociñeiros de tres estrelas Michelin, os restaurantes Nova, Ceibe e Miguel González, que apadriñan os menús de Nadal e fan as súas propias achegas, como o punto idóneo do risotto verde da cea de Noiteboa.

"Asesorar como pode chegar ese arroz nas mellores condicións, tendo en conta que é unha cociña diferida, que se cociña nun momento e se distribúe noutro", sinala Dani Guzmán, cociñeiro do restaurante Nova.

Guzmán sumouse á iniciativa con coñecemento de causa. O seu pai, xa xubilado, foi xefe de cociña no CHUO.

"El sempre dixo que dirixía o hotel máis grande da provincia, no que non hai un só cliente que estea a gusto", di Dani Guzmán..

Queren, coa súa presenza, poñer en valor o labor diario das máis de cen persoas que traballan na cociña do hospital.

"Parécenos unha iniciativa xenial. O hospital xa cumpre cun menú con materia prima de calidade e nós estamos encantados de achegar o noso gran de area nestas datas", explica Lidia del Olmo, cociñeira do restaurante Ceibe.

Robaliza, peixe sapo, pastel de cabracho ou papos de tenreira galega con salteado de cogomelo son algúns dos pratos dos menús de Nadal.

"Pretendemos que os nosos pacientes desfruten dun menú semellante ao que poden tomar nas súas casas", afirma Antonio Pazos, xefe de cociña do CHUO.

Os que poden, collen a alta para pasar as festas coa familia, pero aínda así, calculan que unhas seiscentas persoas celebrarán no hospital o Nadal e a Noitevella.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade