Mentes prodixiosas que memorizan ata 421 decimais do número Π
Mentes prodixiosas que memorizan ata 421 decimais do número Π
David e Candela Troncoso Borrego baten unha nova marca matemática
Os dous son irmáns e alumando do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces
Candela e David Troncoso Borrego son alumna e alumno do IES Marco do Camballón. Ambas son capaces de enumerar o número Π, ela alcanzando 421 decimais, el, un menos, 420. Escoitándoos, a pregunta é inevitable: como fan para acordarse de tantos números? Que trucos teñen?
Candela comparte o seu: "Datas de amigos, familiares, como David. David cumpre o 27 de xullo, hai unha parte que di 27 e por iso acordo, así. David relata que "había días que memorizaba dúas filas por día, pero é que é moi fácil".
Esta marca de memorización acadárona por un desafío proposto polo departamento de Matemáticas do seu instituto. O ano pasado unha compañeira chegou a enumerar 166 cifras decimais. Este ano, Candela e David pulverizaron ese récord.
O máis curioso é que estas mentes prodixiosas que tan ben se relacionan cos números comparten xenética, son irmáns. Que pasa na súa familia?
"A miña familia sempre lle gustaron as matemáticas, aos catro irmáns sempre nos gustou, a miña nai tamén. Temos moi boa memoria todos nós, entón, será iso", asegura Candela Troncoso Borrego.
Será por intelixencia ou por perseveranza, pero grazas aos seus esforzos, o departamento de Matemáticas calcula que as súas marcas colocan a Candela e a David no posto 8 de memorización do número Pi en España, e o 370 en todo o mundo. E aspiran a máis.
Tanto David como Candela póñense como meta para o ano que vén memorizar arredor de mil decimais.