Publicador de contidos

Publicador de contidos

Medio Rural oferta 328 prazas nos seus seis centros de formación agroforestal

Medio Rural oferta 328 prazas nos seus seis centros de formación agroforestal

Impartiranse 14 ciclos de grao medio e superior, cun forte reforzo da formación dual

Os centros de Guísamo e Sergude contarán con ciclos formativos modulares para adultos

G24.gal 30/06/2023 14:42 Última actualización 30/06/2023 15:07

A agricultura, a gandería e a silvicultura son actividades económicas que ofrecen posibilidades de traballo interesantes a mozos e mozas. Este é o obxectivo dos seis centros de formación e experimentación agroforestal dependentes da Consellería de Medio Rural. Son os de Becerreá, Guísamo, Lourizán, Monforte, Pedro Murias e Sergude.

Xestionados a través de AGACAL, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria, buscan formar a profesionais do agro de mañá. 

"A formación dos nosos centros baséase nun modelo de formación basicamente práctica. Os centros contan cunha importante superficie, tanto forestal como forraxeira, arredor dunhas 200 hectáreas entre todos os centros, e ademais conta con instalacións propias para esta formación: temos desde invernadoiros, temos unha sala de muxido, leitería, colmeas". 

"Actualmente temos seis centros repartidos por toda a xeografía galega, ofertamos 14 ciclos, tanto de grao medio como de grao superior e este ano estamos facendo unha aposta moi importante polos ciclos duais. Os ciclos duais entendemos que son unha boa oportunidade para que os alumnos que se formen nos nosos centros teñan un contacto directo co tecido empresarial e se facilite así a súa incorporación ao mercado laboral", sinala Xiana Perales, xefa do departamento de formación de AGACAL.

Estes ciclos duais impartiranse en Pedro Murias, Guísamo e Sergude: "Actualmente en Pedro Murias estamos impartindo xa un ciclo dual, en Aproveitamento e Conservación do Medio Natural, e este ano incrementamos a nosa oferta introdución o ciclo de Produción Agropecolóxica, xa que temos máis de 10 hectáreas certificadas polo CRAEGA en ecolóxico, temos gando en ecolóxico".

"Tamén no caso de Guísamo. Guísamo é un dos centros que están na provincia da Coruña, é un centro que ten unha ampla traxectoria en Paisaxismo e Medio Rural e en Xardinería e Floraría, contamos con docentes moi especializados e con moita traxectoria profesional ás súas costas e pensamos que tamén é unha boa oportunidade para impartir alí o ciclo medio de Xardinería e Floraría tamén na modalidade dual".

"E por último no centro de Sergude todos os anos temos unha importante demanda do ciclo de gandería e sanidade animal e este ano tamén nos animamos para impartir, tanto en presencial ordinario como en modalidade dual".

A principal característica dos ciclos duais é que comprenden prácticas remuneradas en empresas desde o primeiro ano: "Teñen unha parte de formación teórica e unha formación práctica que nunca é inferior ao 33 % do seu currículo e ademais esta formación é remunerada, co cal isto atrae moito á xente nova por exemplo que ten ganas de incorporarse a este sector e é unha oportunidade de inserción laboral moi importante", indica Xiana Perales, xefa do departamento de formación de AGACAL.

Dentro da oferta formativa de Medio Rural tamén cómpre destacar os ciclos dirixidos a persoas adultas. Son tres: o ciclo medio de Xardinaría e Floraría e o ciclo superior de Paisaxismo e Medio Rural, os dous en Guísamo, e o ciclo medio de Produción Agroecolóxica, que se impartirá en Sergude. 

Iria González é unha das profesoras deste ciclo: "Este curso está previsto para adultos. Entón é xente que moita xa se dedica a traballos agrarios, o caso é que teñen que actualizarse nesta perspectiva ecolóxica. O que si teñen é que ter máis de 18 anos e non se esixe unha formación previa, co cal calquera persoa interesada en agroecoloxía, en ter un horto ecolóxico ou unha produción gandeira ecolóxica é benvida".

"E ademais como precisamente son adultos e moita xente da que temos aquí xa está traballando é en réxime modular. Iso significa que podes cursar un curso completo facendo os diferentes módulos ou seleccionar un módulo ou dous, aqueles que máis te interesen e ir facéndoo paulatinamente tendo en conta que é xente que xa ten un horario laboral normalmente".

A estratexia europea 'Da granxa á mesa' marcou coma obxectivo que de aquí a 2030 o 25 por cento da superficie cultivada en Europa estea certificada como ecolóxica, de aí o interese deste curso, que comprende tanto a parte agrícola como a gandeira.

Para Germán López, profesor do CFEA de Sergude "cada vez hai máis empresas agroecolóxicas, ben é certo que moito é autoemprego, que é fácil empezar co tema agroecolóxico cunha pequena leira, pero xa hai tamén empresas potentes e non é difícil tanto facer as prácticas como despois traballar". 

"Aparte detectamos en traballos de campo que hai moito interese neste ciclo pero tamén descoñecemento, como ti dis. Temos 93 hectáreas aquí, temos cultivos tanto gandeiros como agrícolas, estamos a 10 minutos de Santiago, a verdade é que si".

Este ano Medio Rural oferta 328 prazas nos seus centros, das que 70 son dos ciclos duais e o prazo de matrícula xa está aberto ata o vindeiro 5 de xullo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade