A carne de vacún, máis cara que nunca
Menos gando e máis exportacións fan que se dispare o prezo, cunha suba anual do 15 %
O solombo de tenreira galega acada xa nos mercados os 35 euros o quilo, mentres que agulla vale 15 euros. As de vacún son as carnes que máis subiron no último ano, cun incremento próximo ao 15 por cento.
"En filetes de tenreira, de croca, de chuleta ou de solombo, estamos falando de tres ou catro euros de diferenza con respecto a hai un ano", sinala o carniceiro lucense Rafa Díaz Ferreiro.
Varios factores explican esta suba da carne de vacún. Por unha parte, hai menos gando debido ao peche das explotacións máis pequenas e á incidencia de enfermidades como a lingua azul. E por outro lado, o aumento das exportacións, sobre todo a Marrocos e a Alxeria.
"Xubílase moita xente, e temos unha media de idade nos gandeiros bastante alta. Entón as explotacións pequenas e sen relevo foron pechando. Por outro lado, tivemos enfermidades como a hemorráxica ou a lingua azul, o que reduciu o número de animais nos últimos anos", explica Laura Arias, directora técnica de ACRUGA.
Esta escalada dos prezos do vacún está a provocar un certo cambio de hábitos nos consumidores. Hai quen leva menos cantidade e tamén hai quen opta en maior medida por outras carnes máis económicas.
"Ou compran menos ou seleccionan máis. Compran carnes procesadas, picadas a máquina, con mestura de tenreira e de porco. E sempre queda o recurso, aínda que subiu de prezo, do polo", apunta Díaz Ferreiro.
"O consumidor, ao final, séguea comprando, en menor medida. A verdade é que se tira máis por outras carnes, pero séguena comprando. Porque ao final, aínda que sexa menos cantidade, todo o mundo quere boa calidade", engade Cristina Cabado, carniceira da cooperativa A Carqueixa dos Ancares.
Así e todo, o prezo da carne de vacún disparouse aínda máis en orixe. No caso da tenreira galega suprema, pasou dos 6 aos 7,50 euros o quilo canal, o que supón unha suba interanual do 25 por cento.