Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os CIFP de excelencia incorporan tecnoloxía e innovación para servir de modelo na FP

Os CIFP de excelencia incorporan tecnoloxía e innovación para servir de modelo na FP

En Galicia temos cinco Centros Integrados de Formación Profesional catalogados como centros de excelencia 

O recoñecemento é do Ministerio de Educación e leva aparellado un investimento especial destinado a introducir avances tecnolóxicos e pedagóxicos

G24.gal 09/09/2025 11:35

Un dos cinco Centros Integrados de Formación Profesional que en Galicia están recoñecidos como centros de excelencia  é o Carlos Oroza de Pontevedra. Futuros camareiros, recepcionistas, guías de turismo, cociñeiros, sommeliers ou panadeiros estrean este curso novas aulas.

"Esta aula ten elementos que non se van ver en case ningunha escola de España; de feito, fomos escola de referencia para toda España. É unha aula pensada para que eles inventen, proben, xoguen. Temos máquinas para redestilar bebidas, facer por exemplo vodka con sabor a percebe... Aprenderán aquí a quitarlles alcol aos licores, a facer que groliños de cóctel floten como o helio ou a innovar coa torrefacción do café", cóntanos Marcel Schaall, profesor do CIFP Carlos Oroza

Traballarán por proxectos e teñen seis meses de prácticas por cada seis de formación. Nun sector con vacantes de emprego en que os actuais alumnos depositan altas expectativas. 

"Cadra que temos menos xente nova e que pasamos por un cambio de xeración, estamos na denominada xeración Z, que ten outros valores e prioridades. Valoran moito o seu tempo e valoran que se lles fale con claridade das condicións laborais, conciliación... E a maior parte das empresas están entendendo isto", explica Manuel Hermo, director do Centro Integrado de Formación Profesional Carlos Oroza 

Ter uns profesores ben cualificados ou poder formarse como sommeliers son algunhas das razóns que atraen alumnos como  Raquel Santomé e Jorge Pazos, que comezan este curso do ciclo Superior. 

Esta aula, a Enoinmersiva, é outra das clases en que a tecnoloxía está a revolucionar o xeito de achegarse ao coñecemento.

"Non é unha aula de cata ao uso. Nestas mesas que son como tabletas o alumnado pode ter toda a información dispoñible seleccionando as distintas catas que organicemos", explicou Pedro Tomás E. Ribeiro, profesor do CIFP Carlos Oroza.

Novos métodos de ensino para unha nova remesa de 400 profesionais do sector da hostalería e o turismo. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade